EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Mais de 250 nenos e nenas participaron ao longo do verán no Programa Municipal de Conciliación

05/09/2018 O edil de Educación, Manuel Dios, visitou esta mañá o CEIP Raíña Fabiola para facer balance do programa de conciliación que se celebrou durante o verán neste centro e no Monte dos Postes. O programa continuará ata o día 11 de setembro.

Máis de 260 nenos e nenas participarán ao longo deste verán no programa de conciliación organizado pola Concellería de Educación e Cidadanía, e que se desenvolve nos CEIPs Raíña Fabiola e Monte dos Postes. O concelleiro Manuel Dios fixo un balance "positivo" do programa e anunciou que "o Concello estudará, se a demanda das familias así nolo indica, ampliar o programa tamén no mes de agosto". Tamén se realizará un único concurso onde se inclúan os programas de conciliación que ten o Concello durante todo o ano.

Pola súa banda, a responsable do programa, Verónica Martínez, indicou que "nesta quenda de setembro está a haber unha moi boa participación, con preto de 80 nenos e nenas". No que ten que ver coa temática, neste verán traballaron a educación en valores e a intelixencia emocional, e nesta quenda, "tamén o valor da empatía, realizando unhas paraolimpíadas para que os nenos e nenas se poñan en lugar daquelas persoas que poidan ter máis dificultades".

Este venres visitarán a Casa da Troia, un lugar descoñecido para moitos e moitas, onde lles explicarán como funcionou esta casa como residencia estudantil en Compostela.

O programa desenvolveuse os días 22, 25, 26, 27, 28 e 29 de xuño, do 2 ao 31 de xullo e continuará ata o 11 de setembro, un día antes do comezo do novo curso escolar. Como é habitual, ofertáronse os servizos de madrugadores (só no CEIP Monte dos Postes, e en horario de 7:45 a 9:00 horas), actividades (de 9:00 a 14:00 horas) e comedor (de 14:00 a 16:00 horas).

Actuacións no centro
Manuel Dios lembrou tamén as actuacións en materia de mantemento que se executaron no CEIP Raíña Fabiola e que ascenderon a algo máis de 11.500 euros. Entre elas destacan o arranxo do parque infantil, con novos elementos de xogo e tamén o rebaixe da altura dos lavabos para facilitar o acceso dos nenos e nenas de infantil.

Compartir: