ACCIÓN CULTURAL

Varios espazos singulares da cidade acollen a terceira edición de HerDanza

04/09/2018 Compostela acolle a terceira edición de HerDanza, Festival de Danza Contemporánea en Espazos Herdados, do 3 ao 8 de setembro. Este envento busca a dinamización e promoción da danza contemporánea nalgúns dos espazos máis representativos e fermosos da cidade. HerDanza ofrece diversas actividades en torno á danza contemporánea: talleres formativos, conversas con profesionais da danza, proxeccións e espectáculos de pequeno e mediano formato en rúas, claustros e espazos abertos de Santiago de Compostela.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou o festival, nunha rolda de prensa na que tamén participou o equipo de dirección de HerDanza, formado por Xiana Vilas, Isabel Sánchez e Leodán Rodríguez, e o director do Espazo de Danza da USC, Juan Carlos Zahera.

O programa, que xa arrincou este luns, continúa hoxe martes cunha conversa sobre o papel da muller na danza, coa participación de Alba Barral e Sonia Rodríguez. Mañá mércores, a conversa xirará en torno á expresión corporal, contando neste caso con Enrique Latorre e Marta Pérez.

O xoves 6, quenda para os espectáculos de rúa. Ás 20:00 horas, Dani Booqz representará Crisálida na igrexa de Santa Salomé. Despois, ás 21:30 h, será Fran Martinez o que amose ao público o seu espectáculo A temperatura e o temperamento na igrexa das Ánimas. Para rematar a xornada, ás 22:30 h, proxección de curtas na Casa do Matadoiro en colaboración co Festival de Cinedanza Choresoscope.

O CGAC, ás 18:30 horas, acollerá o primeiro espectáculo do venres 7. Será Sombras, de Dani Booqz e Graciel Stenio. No mesmo lugar, un cuarto de hora despois, residencia creativa con Íker Gómez. A danza trasládase aos arcos de Bonaval ás 20:00 h co espectáculo Torre de Babel, da compañía 5S. Finalmente, ás 21:30 h, na praza da Inmaculada, representación de Volutas, de Les Braves.

A última xornada de HerDanza, o sábado 8, abrirase cunha clase aberta con Dani Booqz nos Bancos da Alameda a partir das 12:30 h. Xa pola tarde, ás 18:30 h, Clara Ferrao representará Miñaxoia no Museo do Pobo Galego. De volta á rúa, o festival pecharase con dous espectáculos: Ulises e a nena durmida, con Ánxela Blanco (20:00 h, praza de Santo Agostiño), e Imprevisibles, un espectáculo de danza improvisada e música en directo (21:30 h, praza de San Martín Pinario).

Direccións relacionadas



Compartir: