ACCIÓN CULTURAL

"Commedia", un dos grandes fitos do teatro galego, volve ser posta en escena en Compostela 25 anos despois

04/09/2018 Commedia volve a ser posta en escena 25 anos despois do éxito da súa estrea. Con boa parte do equipo creativo orixinal e agardando repetir o favor do público, a obra estará no Teatro Principal do 5 ao 8 de setembro. Serán cinco funcións, das que deron conta en rolda de prensa a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; o director da obra, Cándido Pazó; o director musical, Fernando Reyes, e os actores Víctor Mosqueira e Nuria Sanz.

En 1993, na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, a compañía Ollomoltranvía estreaba "Commedia. Un xoguete para Goldoni", un espectáculo que acabou sendo un dos fitos do teatro galego. Daquela fixéronse máis de 200 funcións en xira por España, Portugal e Francia, con recoñecementos como os Premios Compostela 93 á mellor dirección, mellor actor e mellor espectáculo, o Premi da Crítica del País Valenciá ou o Premio da Asociación Independiente de Teatro de Alicante.

Hoxe, 25 anos despois, e repetindo no posible o mesmo equipo creativo, revisítase aquela experiencia, celébrase aquela festa teatral. A dramaturxia e a dirección da obra corre de novo a cargo de Cándido Pazó e da súa interpretación encárganse Víctor Mosqueira, Marcos Orsi, Avelino González, Nuria Sanz, César Goldi e Sergio Zearreta.

Segundo explica o seu director –hai 25 anos e hoxe-, Cándido Pazó, "trátase da mesma peza cunha realización plástica redefinida, un tratamento musical reelaborado, unha actuación reestilizada, pero co mesmo concepto fundamental: xogar a facer commedia dell’arte para divertirnos e divertir".

Un xoguete para o público
En 1993, Commedia levaba por subtítulo "Un xoguete para Goldoni". 25 anos despois segue querendo ser un xoguete... para o público. Un exercicio de xénero que se xustifica por unha razón que o condiciona todo: a razón lúdica. Como corresponde a un espectáculo de commedia dell’arte.

Neste sentido, Pazó explica que "para facer este tipo de espectáculos precísase un tipo de actor que era bastante común nos séculos XVI, XVII o XVII, pero que hoxe xa non o é tanto, ese que sabía ser un pouquiño músico, un pouquiño bailarín, un pouquiño acróbata e un moito comediante. Atopar, modelar e modular este tipo de actor foi unha das nosas principais preocupacións".

En Commedia, a música é executada en directo polos actores. Unha música baseada en melodías orixinais compostas a partir de ritmos tradicionais renacentistas ou barrocos. Cada figura ten unha melodía e un ritmo distintivos, constituíndo unha forma de expresión tan definitoria dos personaxes de Commedia coma o traballo físico ou o textual.

Con perspectiva temporal
Subliña Cándido Pazó que "un sistema teatral non se pode considerar maduro mentres non teña media ducia de éxitos que revisitar e perspectiva temporal para valoralos". Porque o teatro non se pode enlatar. É ao vivo ou non é. E a única maneira de que as novas xeracións poidan vivir, e as non tan novas revivir, eses vellos acertos, é levándoos de novo ás táboas.

Neste sentido, o director e dramaturgo considera que Commedia fai parte desa media ducia de éxitos históricos. "E se en 1993 queriamos homenaxear ao gran comediógrafo Carlo Goldoni no 200 aniversario da súa morte, 25 anos despois a homenaxe é para as vidas, profesionais e humanas, de todas as xentes de todos os oficios escénicos que ao longo do tempo botaron a andar e afianzaron o noso teatro", engade.

Sinopse
Arlecchino encontra unha carta de amor no mandil da súa muller e, erradamente –pois a carta non era para ela– pensa que ela o engana. Desesperado, quere matarse. Pero deteno unha misteriosa voz que vén de ningures e que lle dá un anel máxico que ten a extraordinaria propiedade de facer perder a memoria a quen o pon. Arlecchino esquéceo todo. Pero, como dano colateral, esquece tamén a noción das convencións sociais.

A partir deste arranque argumental sucédense divertidos equívocos e enxeñosos enredos nos que participan algunhas das principais figuras da commedia dell'arte: o cutre taberneiro Brighella, o pedante Dottore, o avaro Pantalone, o fanfarrón Capitano, a encantadora Arxentina…

Un argumento que, máis alá do imprescindíbel alarde formal e lúdico, da pé para xogar criticamente cos manidos tópicos do amor romántico e os riscos do exercicio indiscriminado da sinceridade.

Compartir: