DEPORTE

Aberto o segundo prazo para que as entidades deportivas se inscriban na II edición da Festa do Deporte

03/09/2018 Dende hoxe e ata o 13 de setembro está aberto o segundo prazo para que as entidades deportivas da cidade se inscriban na vindeira edición da Festa do Deporte, que se celebrará os días 28 e 29 de setembro. Para iso é preciso que cubran o formulario de inscrición, dispoñible en deportes.santiagodecompostela.gal, e o presenten no Rexistro Municipal.

Dado que o obxectivo da Festa do Deporte é favorecer a máxima participación, crearase unha listaxe de reserva, ordenada cronoloxicamente segundo o número e data de entrada no Rexistro Municipal, no caso de que as solicitudes superen o número de espazos/sedes dispoñibles. Se algunha entidade das que teña concedido un espazo desistise da súa solicitude, será substituída pola primeira entidade que se atope en dita lista de reserva. Unha vez inscrita, se a entidade desexa cancelar a súa participación, deberá comunicalo por escrito cunha antelación mínima de quince días hábiles antes do inicio do evento.

Cada entidade disporá dun espazo concreto para exhibir o seu deporte, promocionalo e captar novos deportistas. O obxectivo é que poidan aproveitar da mellor maneira posible o seu espazo podendo ofrecer presentacións, exhibicións, charlas informativas, clases, etc. Ademais, poderán ceder fotos e vídeos, así como os nomes de usuarios das súas redes sociais, coa finalidade de dinamizar e dar unha maior visibilidade a través das redes sociais tanto ao evento coma as propias entidades participantes. Para todas aquelas entidades que non poidan estar presentes ou que, por cuestións de loxística, o seu deporte non poida levarse a cabo no ámbito das sedes que conforman a Festa do Deporte, disporán dun espazo común e específico para difundir e/ou entregar información divulgativa propia que lles permita promocionar a súa actividade.

Segunda edición
A Festa do Deporte pretende ser un gran escenario que facilite a máxima participación de todos os axentes implicados, polo que centrará os seus focos en espazos de libre concorrencia como son o parque de Galeras e a praza Roxa, xunto con instalacións deportivas tradicionais como son as situadas en Santa Isabel (pavillón polideportivo e campo de fútbol).

Cada espazo contará con sedes e espazos adaptados para realizar as diferentes actividades deportivas, en función da modalidade e da entidade inscrita, buscando en todo momento encaixar do mellor xeito posible as necesidades de cada deporte.

Direcciones relacionadas



Compartir: