OBRAS

Comezan as obras de mellora da accesibilidade na rúa Dublín de Fontiñas

03/09/2018 Este luns comezaron as obras de mellora de accesibilidade da rúa Dublín, no barrio de Fontiñas. Trátase dunha actuación derivada do proceso de Orzamentos Participativos Compostela Decide, á que se van destinar case 60.000 euros.

O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial deu conta do inicio das obras, das que se encarga a empresa Joscon. Rafael Peña explicou que "a configuración da rúa Dublín anima a algúns condutores a desprazarse a altas velocidades, provocando as queixas da veciñanza". O viario ten un ancho de 10 metros, cinco para cada sentido da circulación, e un tramo recto no que se permiten os adiantamentos. Pola contra, hai pouco espazo para os peóns.

A actuación que comeza hoxe desenvólvese en dous tramos. No primeiro, próximo á rúa Londres, reducirase o ancho actual dos carrís de circulación, elevaranse os pasos de peóns, e melloraranse o pavimento e as beirarrúas. No segundo tramo, próximo á rúa da Costa do Vieiro, daráselle á calzada un trazado máis sinuoso para calmar o tráfico do pavillón deportivo, elevarase o paso de peóns, e melloraranse os pavimentos. Ademais, no conxunto da rúa vaise reducir o límite da velocidade permitida a 30 quilómetros/hora e prohibirase o adiantamento. As obras, cun prazo de execución de tres meses, non suporán a supresión de prazas de aparcamento.

Obras no rural
Rafael Peña adiantou que entre esta semana e a próxima comezarán outras dúas importantes actuacións na zona rural. Unha delas é a mellora da pavimentación do viario de acceso ás Pereiras, na parroquia da Gracia. Os traballos custarán algo máis de 62.000 euros, e afectaranlle a un tramo de 1,7 quilómetros.

A outra actuación que comezará nos próximos días é a de mellora do viario que comunica Barciela con Cesar, nun tramo de 1,3 quilómetros. Neste caso, as obras supoñen un investimento de 130.000 euros e, ademais da substitución do pavimento de grava por aglomerado, contemplan a mellora da accesibilidade peonil ao local sociocultural da parroquia.

Documentos relacionados



Compartir: