ACCIÓN CULTURAL

Máis de 30 creadoras europeas participarán nas residencias artísticas do proxecto Wom@rts a partir de setembro

31/08/2018 Co obxectivo de promover unha presenza igualitaria das mulleres como axentes activos da contorna artística, o proxecto Wom@rts desenvolverá este ano diversas actividades culturais en distintas cidades europeas. Do 10 de setembro ao 24 de outubro, as localidades de Avilés (España), Angoulême (Francia) e Limerick (Irlanda) acollerán tres residencias creativas dirixidas a artistas visuais-dixitais, ilustradoras e debuxantes de cómics e gravadoras, nas que máis dunha trintena de profesionais de dez países diferentes compartirán experiencias, espazos e procesos creativos. Entre 2019 e 2020, as obras resultantes das residencias serán incluídas nunha exhibición itinerante e transmedia titulada O segundo sexo, en homenaxe ao coñecido ensaio de Simone de Beauvoir no 70 aniversario da súa primeira publicación.

Wom@rts é un proxecto plurianual de cooperación financiado polo programa Europa Creativa, que procura pór en valor e fomentar a creatividade das mulleres dende unha perspectiva intersectorial. Dirixido polo Auditorio de Galicia, nel participan diferentes organizacións públicas e privadas sen ánimo de lucro, como a Fundación Municipal de Cultura do Concello de Avilés, a rede escandinava WIFT (Mulleres en Cinema e Televisión), o Concello de Vilnius (Lituania), o Centro Audiovisual Simone de Beauvoir e a Communauté d’Agglomération du Grand Angoulême (Francia), a Escola Limerick de Artes e Deseño (Limerick Institute of Technology, Irlanda), o Hay Festival de Literatura e Artes (Reino Unido), a Academia Universitaria de Artes Aplicadas en Rijeka (Croacia) e o museo UGM Maribor (Eslovenia) .

Artistas dixitais emerxentes: novos medios, fotografía e vídeo
A primeira das residencias é organizada pola Fundación Municipal de Cultura do Concello de Avilés (España) e diríxese a artistas dixitais emerxentes. Cristina Busto (Avilés 1976), María Castellanos (Xixón, 1985), Mery Pais (Santiago de Compostela, 1990), Teresa Búa (Muxía, 1991), Petra Mrša (Rijeka, 1985), Ana Pecar (Eslovenia, 1977), Hanne Larsen (Trondheim, Noruega, 1985), Marija Stonyte (Vilnius, Lituania) Stéphanie Cadoret (1981, Francia) e Martta Tuomaala (Lieto, Finlandia, 1983) son as creadoras seleccionadas para participaren nesta experiencia do 10 ao 16 de setembro, que terá como sede a Factoría Cultural de Avilés, un dos centros máis activos na vida cultural da cidade. De forma previa á celebración da residencia e ao remate da mesma, as artistas participantes estarán conectadas a través dunha plataforma online colaborativa que lles permitirá compartir o proceso de creación das pezas e servirá tamén para facilitar a súa distribución e visibilidade.

Debuxantes de banda deseñada e ilustradoras
A seguir, será a vila francesa de Angoulême a seleccionada para acoller a residencia dedicada á ilustración e creación de banda deseñada. Sede dun dos principais festivais de ilustración da contorna europea e foco dunha intensa actividade creativa neste ámbito, a cidade ofrécese como un lugar privilexiado para a convivencia das artistas Wom@rts. A Communauté d’Agglomération du Grand Angoulême, en colaboración coa asociación local Les Mains Sales, coordina esta residencia, que se desenvolverá do 24 de setembro ao 3 de outubro e na que participarán Xulia Vicente (Cariño, 1993), Nanu González (Oviedo), Meriem Mesfioui (Francia), Scotty Hervouet (Francia), Raquel Lagartos (Oviedo), Korina Hunjak (Rijeka, Croacia, 1993), Fionualla Doran (Lurgan, Irlanda, 1984), Maura McHugh (Galway, Irlanda), Akvile Miseviciute (Vilnius, Lituania, 1987) e Samira Kentric (Ljubljana, Eslovenia 1976).

Artistas gravadoras e estampadoras
Será a localidade irlandesa de Limerick a que reciba as participantes da residencia dedicada ás artes do gravado e o estampado. A Limerick School of Art and Design coordina e acolle esta convivencia artística do 15 ao 24 de outubro, na que as dez creadoras participantes realizarán pezas baseadas nos versos de dez poetas europeas a partir do texto de Simone de Beauvoir. Haya Blanco (Santiago de Compostela, 1984), Fernanda Álvarez (México D.C., 1967), Marta Fermín (Oviedo, 1973), Jo Kelley (Reino Unido, 1955), Aoiffe Barret (Irlanda, 1984), Audrey Potrat (Bourgogne, Francia), Louise Mendoche (Valence, Francia, 1984), Melinda Kostelac (Rijeka, Croacia, 1968), Mina Fina (Eslovenia, 1978) e Neringa Žukauskaite (1975, Lituania) son as artistas seleccionadas por Wom@rts para participaren nesta experiencia.

Direcciones relacionadas



Compartir: