XUNTA DE GOBERNO

Adxudicada a redacción do proxecto dos accesos á futura estación de autobuses da intermodal

31/08/2018 A Xunta de Goberno adxudicou hoxe á empresa Proyfe a redacción do proxecto de reurbanización da rúa de Clara Campoamor, que servirá de acceso á futura estación de autobuses da intermodal. O alcalde, Martiño Noriega, salientou que o Goberno segue dando pasos para cumprir os seus compromisos, e conseguir que Santiago teña por fin unha infraestrutura longamente agardada e por fin desbloqueada".

A adxudicación aprobada pola Xunta de Goberno, por un importe de case 81.000 euros, non só inclúe o proxecto básico da reurbanización da rúa Clara Campoamor, senón tamén a dirección de obra do proxecto, cunha partida específica para 2019. O alcalde salientou que no procedemento de licitación se requiriu a presentación dun anteproxecto, "de xeito que xa temos un avance de cal podería ser o deseño do viario".

Na súa oferta, Proyfe comprometeuse tamén a realizar un estudo de integración paisaxística e mellora da biodiversidade que contemple a estación intermodal e a pasarela sobre as vías, as vellas edificacións do ensanche de Pontepedriña (rúas Ulla, Boqueixón e Vedra, e o parque das Brañas de Sar, xunto coa proposta de reurbanización da rúa Clara Campoamor. Tamén se compromete á realización dun estudo de integración da mobilidade peonil e ciclista na contorna da rúa de Clara Campoamor, que propicie a accesibilidade á estación intermodal, ao parque das Brañas de Sar e a contorna urbana adxacente.

Melloras do viario en Lamascal
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe o inicio do procedemento de adxudicación das obras de mellora do viario de acceso a Lamascal, na parroquia de San Xoán de Fecha. A actuación conta cun orzamento de case 150.000 euros, dos que preto de 70.000 serán achegados pola Xunta a través de AGADER, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. O proxecto contempla a ampliación da plataforma de rodadura do viario nuns 30 centímetros. As obras terán un prazo de execución de dous meses.

Documentos relacionados



Compartir: