ALCALDÍA

O edil Xan Duro demostra non terse autoanulado unha multa e que "esa sanción nunca existiu"

29/08/2018 O concelleiro de Convivencia, Medio Ambiente e Informática, Xan Duro, desmentiu hoxe terse autoanulado unha sanción de tráfico e aclarou que esa suposta sanción nunca lle foi imposta. O edil compareceu en rolda de prensa acompañado polo alcalde, Martiño Noriega, e pola responsable en Galicia de SCI, a empresa que xestiona as multas de tráfico, Natalia Zunzunegui.

Foi a responsable de SCI en Galicia a que explicou a orixe do erro administrativo polo que o nome de Xan Duro aparecía nun documento de retirada de catro sancións de tráfico, asociado a un DNI que non é o do concelleiro e a unha matrícula que non é a do seu vehículo. Natalia Zunzunegui relatou que "por erro, un traballador da empresa copiou e pegou o nome de Xan Duro no expediente de anulación de catro sancións a cidadáns estranxeiros que non puideran ser localizados". Zunzunegui incidiu en que "o erro é evidente porque o nome de Xan Duro acompañouse do tratamento de Don, fórmula que si se utiliza habitualmente na firma dos decretos, e que evidentemente non aparece en ningún dos outros tres sancionados".

Posibles accións xudiciais
Tanto o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia como o alcalde expresaron a súa vontade de "emprender as accións legais pertinentes contra os medios de comunicación e as persoas ou formacións políticas que difamaron a sabendas de que a información era falsa". Martiño Noriega aclarou que "estudamos a posibilidade de presentar unha demanda en defensa da verdade, en defensa da honorabilidade de Xan Duro e amparándonos na figura legal do ánimo inxurioso demostrado por quen amplificou a mentira".

Compartir: