TURISMO E ESPAZOS CIDADÁNS

Remata a campaña de concienciación sobre os pisos turísticos cunha acción de rúa en Cervantes

29/08/2018 A praza de Cervantes acolleu esta mañá a última das accións de rúa para visibilizar e concienciar a veciñanza e turistas sobre a proliferación dos pisos turísticos ilegais. Trátase dunha campaña de comunicación realizada en colaboración e coordinación cos concellos de Barcelona e Sevilla, que contan cunha problemática semellante á compostelá.

A campaña comezou o 6 de xullo e remata hora tras realizar accións de rúa en espazos emblemáticos da cidade como a praza do Obradoiro, Carretas, a Alameda ou a praza de Cervantes. Colocouse unha estrutura, cunha cama no seu interior, e cos vinilos coa información da campaña que chamou a atención de turistas e residentes sobre a problemática asociada ao fenómeno dos apartamentos turísticos ilegais.

As mensaxes da campaña tamén van dirixidas ás persoas propietarias que alugan os seus pisos a turistas de xeito ilegal, para que "sexan conscientes de que están incumprindo a lei, e iso pode ter consecuencias", segundo sinalou a concelleira de Turismo, Marta Lois. Por último, preténdese amosar á veciñanza de Santiago que "a proliferación dos pisos turísticos promove a expulsión dos e das residentes da zona histórica de Compostela".

Ademais, botouse man de ferramentas de comunicación tradicionais como flyers, banners, redes sociais, autobuses e cartelería en diversos lugares e soportes da cidade. Tamén se habilitou unha páxina web: santiagodecompostela.gal/fairtourismSCQ.

Ata o momento e tendo en conta que a campaña nalgúns medios seguirá activa ata o 31 de agosto, este son os principais fitos acadados:

• Máis de 1.050 veces ten sido amosada a campaña nas vías que circunvalan a améndoa do casco histórico nos autobuses urbanos.
• Arredor de 259.300 pasaxeiros están visualizando o MUPI situado na zona de saídas do aeroporto Rosalía de Castro de Lavacolla.
• Repartíronse máis de 260 pósters e 2800 flyers nos establecementos comerciais e de hostalería do Casco Histórico.
• Máis de 7.000 visualizacións do banner nas buscas on line relacionadas con alugueiro vacacional en Santiago de Compostela.
• A campaña ten tido alcance, visibilidade e repercusión cidadá e organizacional nas principais redes sociais (Twitter, Facebook e Instagram).

Plan de control
A campaña de comunicación forma parte da acción do Concello neste eido, que vén acompañada dunha serie de medidas para limitar o alugueiro turístico na zona histórica. Nese sentido artellarase un sistema de control efectivo con inspeccións aos pisos e con multas a propietarios e propietarias que non cumpran a normativa. Este programa realizarase en colaboración coa Xunta de Galicia, a quen corresponde a vixilancia desta actividade.

Ata o de agora, o Concello abriu expedientes a dous apartamentos turísticos da zona histórica que funcionan de forma irregular e que deberán cesar a súa actividade para non verse expostos a multas que, segundo a normativa, se sitúan entre os 300 e os 30.000 euros. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, indicou que "aínda non chegamos á fase de sanción, xa que queremos notificar e instar aos propietarios a que regularicen a situación ou cesen a actividade".

Esta campaña e froito do traballo feito dende 2017 polo grupo de traballo técnico formado polo persoal de urbanismo, cidade histórica, licenzas, promoción económica e turismo para ter unha visión integral do fenómeno. Este traballo tivo como resultado un informe sobre a situación dos alugueiros turísticos en Compostela, con 717 anuncios de pisos non rexistrados que sumaban unha oferta de 3.188 prazas de aloxamento na cidade.

Ademais dáse unha concentración excesiva deste tipo de aloxamentos no casco histórico, tal e como indicou Lois ao asegurar que "neste espazo vive o 12,6% da poboación do Concello, pero só aquí se concentra o 50% das vivendas turísticas e das prazas en aluguer".

Non só iso, o estudo elaborado polo Concello de Santiago estima que o impacto económico directo destes aloxamentos se sitúa preto dos 8,5 millóns de euros sen fiscalizar.

Direccións relacionadas



Compartir: