ACCIÓN CULTURAL

Chega o segundo volume da colección histórica "Cadernos de Compostela"

29/08/2018 A Concellaría de Acción Cultural vén de publicar o segundo volume da colección Cadernos de Compostela, unha iniciativa enmarcada na celebración do Ano Europeo do Patrimonio Cultural. Desta vez, o libro está dedicado á "Compostela Festiva". A concelleira Branca Novoneyra presentou a publicación nunha rolda de prensa na que estivo acompañada pola investigadora Mercedes Vázquez, integrante do colectivo Dehistoria e unha as autoras do contido, e polo ilustrador Marcos Vigo.

A colección Cadernos de Compostela naceu co obxectivo de ofrecer un relato diferente da cidade e descubrir episodios, fitos e personaxes menos coñecidas da historia de Santiago. Segundo explicou Branca Novoneyra, trátase de "divulgar o noso pasado e o noso acervo patrimonial, para que a veciñanza vexa incrementado o seu sentimento de pertenza a un espazo común e se comprometa co seu coidado".

Compostela Festiva
Nesta segunda entrega da colección, fálase da "Compostela Festiva". A concelleira de Acción Cultural explicou que "as festas sempre formaron parte da vida da cidade, dos barrios e das parroquias, son unha tradición que perdura nos anos adaptándose aos novos tempos, e forman parte tamén do noso patrimonio cultural".

O caderno fala das que seguen sendo as principais celebracións en Santiago, a Ascensión e o Apóstolo, pero tamén doutras que foron moi relevantes ao longo da nosa historia, como o San Roque ou o Corpus.

Cadernos de Compostela
Os Cadernos de Compostela son pequenas publicacións, cun formato máis próximo ao folleto informativo que ao libro tradicional. Teñen un deseño atractivo e moderno, pensado para que os contidos resulten comprensibles e sintéticos. O primeiro volume da colección, "Compostela 1117", retrataba unha cidade asediada polo exército da Raíña Dona Urraca, en pleno conflito pola coroa do Reino de Galicia. No caderno aparecían personaxes senlleiras da historia de Santiago como a propia raíña, o bispo Xelmírez, o rei Alfonso VII ou o fidalgo Pedro Froilaz, conde de Traba.

Está previsto que no que queda de ano se publiquen aínda outros dous folletos, un dedicado ás protestas estudantís de 1968 en Santiago e outro aos desfiles, procesións e cabalgatas que se desenvolveron en Compostela ao longo dos tempos. A colección distribuirase de balde en centros de ensino, bibliotecas, centros socioculturais e outros espazos públicos.

Compartir: