ALCALDÍA

Membros de Agadea culminan a súa peregrinación para concienciar sobre a enfermidade do Alzheimer

20/08/2018 Un grupo de persoas vinculadas a Agadea, a Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencias tipo Alzhéimer, chegou hoxe á praza do Obradoiro despois de ter percorrido o Camiño Portugués dende o municipio pontevedrés de Tui. A alcaldesa en funcións, María Rozas, recibiunas nun acto no que lembrou "o importante labor que desenvolven estas asociacións no apoio, asesoramento e atención ás persoas enfermas de Alzhéimer e ás súas familias".

A presidenta de Agadea, Isabel Gey, encabezou a peregrinación, que comezou o pasado 14 de agosto en Tui. No percorrido, a asociación tivo a oportunidade de compartir experiencias con persoas enfermas de Alzhéimer e coas súas familias, así como de coñecer algúns centros especializados na atención a estas doenzas.

Á súa chegada ao Obradoiro, a alcaldesa en funcións agradeceu o traballo que desenvolven colectivos como Agadea, que "son o principal apoio para as persoas que reciben o seu diagnóstico e para as súas familias". Tamén puxo en valor o "impagable traballo de concienciación destas asociacións, que poñen o foco nunha enfermidade da que ata o de agora non se falaba, á que non se lle daba a importancia que ten porque supón un auténtico drama para quen a sofre e para todas as persoas que as rodean".

María Rozas incidiu en que "as administracións temos a obriga de ir da man destes colectivos, e non podemos escatimar esforzos para investigar a doenza e para lles prestar a atención que precisan ás persoas con Alzhéimer". Lembrou, ademais, que "o Alzhéimer está considerado a pandemia do século XXI, e en Galicia son xa máis de 100.000 persoas as que sofren a enfermidade".

Compartir: