POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello tramita case medio cento de solicitudes de axudas do "bonotaxi"

17/08/2018 A Concellaría de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos está a tramitar case medio cento de solicitudes para acceder ás axudas do "bonotaxi", convocadas por segundo ano consecutivo. A maioría das peticións foron formuladas por persoas con mobilidade reducida e por persoas maiores residentes na zona rural.

O departamento que dirixe a concelleira Concha Fernández está a tramitar un total de 48 expedientes. A maioría das peticións, 20, corresponden a persoas con mobilidade reducida ou con algún tipo de discapacidade residentes no ámbito urbano. Outros 19 expedientes están relacionados con persoas maiores de 65 anos residentes na zona rural, e 7 corresponden a persoas con discapacidade residentes no ámbito rural.

En canto aos solicitantes das axudas, 27 son mulleres e 21 homes. Por lugar de residencia, 29 pertencen á zona rural, e 19 á zona urbana.

Novidades
A convocatoria de axudas do "bonotaxi" deste ano introduciu numerosas novidades con respecto á realizada en 2017, co primeiro obxectivo de ampliar o número de posibles persoas destinatarias. Así, este ano poden optar ás axudas as persoas que teñan recoñecido legalmente problemas de mobilidade, as persoas con discapacidades superiores ao 33% e as persoas maiores de 65 anos que residan no rural.
Tamén mudaron algúns requisitos de acceso. Así, desapareceu a obriga de ter un tempo mínimo de empadroamento en Santiago e incrementouse o límite de recursos para ter accesos ás axudas, que quedou fixado en 19.362,24 euros anuais. En canto ás contías a percibir, o máximo increméntase a 350 euros, 50 euros máis que na pasada convocatoria. Ademais, ampliouse o período de xustificación das axudas ata o 30 de novembro.

Subsanación
A Concellaría de Políticas Sociais abrirá o próximo luns, e ata o 31 de agosto, o prazo de subsanación para que as persoas que o precisen poidan emendar as súas solicitudes e/ou documentación. O trámite debe facerse no Rexistro Xeral do Concello.

Documentos relacionados



Compartir: