ALCALDÍA

Setex Aparki retira o recurso contra a municipalización da ORA e do guindastre

13/08/2018 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, informou hoxe de que a anterior concesionaria do servizo de ORA e guindastre, Setex Aparki, retirou o recurso presentado no xulgado en contra da municipalización do servizo. Ademais o Goberno do Estado decidiu non recorrer tampouco a decisión tomada polo Pleno da Corporación, despois de ter solicitado información do expediente.

O rexedor explicou que "existen dúas vías fundamentais para presentar recursos, unha por parte das administracións públicas e outra polo sector privado por entender que a municipalización é unha ameaza". A día de hoxe ambas posibilidades están desbotadas tras a decisión do Goberno central de non presentar recurso e despois de que Setex retirara o seu.

Así, o alcalde sinalou que "a día de hoxe existe un terceiro recurso nominal presentado por un avogado onde se solicita como medida cautelar a suspensión do servizo". Martiño Noriega quixo enviar unha mensaxe de tranquilidade ao persoal da ORA e do guindastre e asegurou "dubidar da lexitimación desta persoa para presentar o recurso". "Gustaríame saber a quen representa", engadiu.

Entende o alcalde que se trata "dun cuestionamento da recuperación de servizos para o público e de restarlle lexitimidade a estes procesos cos que conseguimos municipalizar a ORA e o guindastre ou a asesoría xurídica".

Compartir: