POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello de Santiago usa o 100% das horas do Servizo de Axuda no Fogar e atende a 227 persoas

13/08/2018 O Concello de Santiago ten asignadas por parte da Xunta de Galicia un total de 9.123 horas de atención domiciliaria ao mes a través do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A día de hoxe estase a asumir o 100% das horas asignadas, atendendo a un total de 227 persoas.

A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, sinalou que "o contrato que temos en vigor dende o pasado mes de febreiro permítenos asumir máis horas, a diferenza do contrato aprobado en 2015". A edila lembrou que "dotar de recursos económicos e dunha mellor atención ao SAF foi unha das nosas prioridades, duplicando o orzamento e podendo incrementar ata nun 40% as horas de atención".

O Concello de Santiago está atendendo case un 50% máis de horas que no mes de xaneiro, e un 113% máis que no mes de agosto do pasado ano. Deste xeito, reduciuse a lista de agarda ata as 44 persoas (6 de dependencia en grao III, 7 do grao II e 30 do grao I). A dotación de máis horas por parte da Xunta de Galicia permitiría incorporar a estas persoas no Servizo de Axuda no Fogar, ben na modalidade de dependencia, se as horas ofertadas son as suficientes, ou ben na modalidade de libre concorrencia, para as persoas do grao I.

A edila de Políticas Sociais lamentou "o retraso de máis dun ano na valoración da dependencia" e tamén que "non exista unha maior planificación no número de horas asignadas e se vaia facendo a medida que avanza o ano, o que impide que moitos concellos, sobre todo pequenos, poidan asumir este incremento nas horas".

Melloras no SAF
O contrato actual, en vigor dende o pasado mes de febreiro, está dividido en dous lotes e conta cun orzamento de preto de 2 millóns de euros anuais, o que supón duplicar a contía en relación co contrato anterior. O novo servizo permite atender un total de 121.658 horas ao ano, o dobre que o que se viña realizando ata o de agora.

Unha das principais melloras radica na posibilidade de incrementar as horas de servizo nun 40% no caso de que fose necesario durante o período en vigor deste contrato.

Compartir: