ALCALDÍA

O alcalde reunirase este venres co secretario de Estado de Medio Ambiente para tratar o proxecto da nova EDAR

30/07/2018 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, reuniranse este venres co secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, para tratar de desbloquear o proxecto da nova depuradora de Santiago. Así llo trasladou esta mañá o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, na xuntanza que mantiveron no Pazo de Raxoi.

O rexedor agradeceu a "dispoñibilidade e colaboración permanente do delegado do Goberno, que dá xa os seus froitos con esta xuntanza". Martiño Noriega incidiu na relevancia da reunión do venres en Madrid pola necesidade de "reorientar o proxecto da depuradora e ver se somos capaces de xerar un punto de inflexión". Na mesma liña se pronunciou o delegado do Goberno, quen insistiu na importancia de "colocar por riba de todo a colaboración e ir da man nun proxecto polo que aposta a maioría da Corporación".

Así, na reunión co secretario de Estado de Medio Ambiente, o alcalde e o concelleiro trasladaranlle a proposta que o Goberno local elaborou co aval da Universidade de Santiago e que pasa por construír a nova depuradora na mesma parcela que a actual, na Silvouta, usando unha nova tecnoloxía máis ecolóxica e con menor custo.

Outros asuntos
Aínda que o proxecto da nova depuradora foi un dos asuntos centrais da xuntanza entre ambos, o alcalde de Santiago trasladoulle ao delegado do Goberno a importancia de que se vaian cumprindo outros compromisos coa cidade, como a estación intermodal, a conectividade da zona norte "para a que hai fondos comprometidos" ou o seguimento das obras de conectividade coa Cidade da Cultura, que son fundamentais tamén para os barrios das Fontiñas e de Sar".

Nesa liña, Javier Losada fixo un repaso polos compromisos do Goberno central con Santiago, no que se inclúe tamén a autovía con Lugo, que "esperamos poida estar rematada en tempo e forma co obxectivo posto no Xacobeo do 2021".

Na súa primeira visita ao Concello como delegado do Goberno, Javier Losada asinou no Libro de Honra da cidade.

Compartir: