ALCALDÍA

A rapazada volverá xogar na rúa este verán grazas a unha nova edición do "Territorio Xogantín"

26/07/2018 Que as rúas volvan ser un espazo para o xogo dos nenos e das nenas. É o obxectivo do programa A rúa é nosa! Territorio Xogantín, que o Concello pon en marcha por terceiro verán consecutivo, a través do Departamento de Lingua. O alcalde, Martiño Noriega, presentou hoxe as actividades, que arrancan o próximo luns, 30 de xullo.

A rúa é nosa! Territorio Xogantín ten un dobre obxectivo: "ofrecer unha alternativa de lecer ás nenas e nenos que fican en Compostela no mes de agosto, e axudar a que a rapazada socialice en galego, tamén no espazo de lecer". Ademais, incidiu o alcalde, "preténdese que as rúas volvan ser espazo para o xogo, como o eran non hai tantos anos, e que as nenas e nenos aprendan a divertírense sen instrumentos específicos para iso, simplemente cos obxectos que poden atopar no espazo público".

Actividade libre
O programa vaise desenvolver dende o luns 30 de xullo ata o 31 de agosto, agás nos días festivos, e en horario de 11:30 a 13:30 horas. Nas actividades poderán participar nenas e nenos de 6 a 10 anos, sen necesidade de inscrición previa. Tan só é preciso presentarse no punto de encontro, situado na praza 8 de Marzo, e iranse cubrindo as prazas dispoñibles para cada xornada por orde de chegada. As nenas e nenos participantes estarán acompañados/as por monitores/as especializados/as en tempo libre e xogos tradicionais. No caso de chuvia, o Territorio Xogantín trasladarase á Zona C de Bonaval.

As nenas e nenos participantes estarán acompañados por monitoras de Xandobela, especializadas en tempo libre e xogos tradicionais. Dúas delas, Branca e Nerea, explicaron hoxe que o programa "é un proxecto aparentemente simple, pero que permite traballar moitos valores como a convivencia, o respecto ou a descuberta activa da cidade". Ademais, incidiron en que o Territorio Xogantín permite que as nenas e nenos aprendan a autoxestionar o seu tempo de lecer, e mesmo se fagan máis responsables deles mesmos e das súas pertenzas".

Compartir: