FACENDA

Un total de 241 propostas veciñais pasan á 2ª fase dos orzamentos participativos

19/07/2018 O pasado luns rematou a primeira fase dos orzamentos participativos, na que se achegaron numerosas propostas para realizar investimentos en cidade, no rural, nas zonas leste e noroeste, así como actividades para a Mocidade e as festas do Apóstolo.

Infraestruturas, mobilidade, medio ambiente, deportes, coidados e igualdade son os ámbitos de acción que reúnen a maior parte das propostas, que este ano se poden consultar na páxina web filtradas por categorías e xeolocalizadas sobre o mapa do municipio.

En investimentos, destacan as propostas destinadas á mellora ou construción de equipamentos públicos ao aire libre, tanto en parques como en zonas verdes. En actividades pensadas para a mocidade presentáronse numerosas ideas relacionadas coa igualdade e a diversidade dende unha perspectiva de xénero e feminista. Para as festas do Apóstolo 2019, os programas musicais e concertos concentran a maioría das achegas, aínda que se recolleron tamén outras relacionadas coa igualdade, a accesibilidade, a cooperación ou a participación cidadá.

Numerosas propostas
A edila de Facenda, María Rozas, deu conta esta mañá do detalle das propostas presentadas pola veciñanza, que ascenderon a 336. "Iso si, dese total foron rexeitadas 95 debido a dous motivos principais: non ser investimentos ou actividades ou estar fóra das áreas territoriais que participan no proceso, que son rotatorias e mudan cada ano", resaltou Rozas.

Malia non seren rexistradas na plataforma, o Concello garda arquivo de todas as ideas presentadas e entende que son demandas concretas da veciñanza a estudar e derivar aos departamentos correspondentes para que as teñan en conta nun futuro.

O proceso que máis propostas reuniu foi o Municipal, con 58 propostas, seguido das actividades para a Mocidade, con 50 propostas. Para as festas do Apóstolo de 2019 presentáronse 40 ideas válidas. No que respecta ás áreas territoriais, o Rural xuntou 46 propostas, a zona Noroeste 17 e a Leste 30.

Apoios necesarios para pasar á votación
A fase de apoios comezou simultaneamente coa achega de propostas e esténdese ata o vindeiro venres 27 de xullo. Durante este tempo, calquera persoa empadroada en Santiago de Compostela maior de 16 anos pode apoiar todas as propostas que queira que pasen á fase de votación mediante un sinxelo proceso na web decide.santiagodecompostela.gal, onde deben rexistrarse se non o fixeron en edicións anteriores. Todas as persoas poden apoiar propostas do ámbito municipal e das festas do Apóstolo 2019. Ademais, aquelas censadas nas áreas territoriais que participan este ano poden apoiar propostas para a súa zona e as menores de 35 anos (empadroadas ou estudantes en Santiago) poden apoiar actividades para a mocidade.

O obxectivo desta fase, que se incluíu no proceso de Orzamentos Participativos do ano anterior, é reducir a 20 o número de propostas por cada unha das áreas (40 no caso do rural) que pasen á fase de votación final, a celebrar en setembro. Para iso, ademais de conseguir o número suficiente de apoios, deberán ser avaliadas polo persoal técnico do Concello, que determinará a súa viabilidade e custe antes de facerse pública a lista final de propostas a votar.

Direccións relacionadas



Compartir: