FESTAS

Nerea Barros destaca a "esencia e a vitalidade" de Compostela na apertura das festas do Apóstolo

18/07/2018 A actriz compostelá Nerea Barros abriu dende os balcóns do Pazo de Raxoi a edición 2018 das festas do Apóstolo. O seu pregón foi un compendio de lembranzas e de orgullo pola cidade que viu nacer.

Nerea Barros declarouse "emocionada" por poder vivir "unha das noites máis especiais e emocionantes da miña vida". A actriz mostrou "moi orgullosa por ter medrado nesta cidade", lembrando a súa condición de veciña do Eixo, na parroquia de Santa Lucía, onde viviu a súa infancia e adolescencia. "Santiago é a miña esencia, como persoa, como muller e como actriz", dixo.

"Boto en falta a néboa dos días de inverno que se mestura coa pedra e as luces alaranxadas da cidade, a boa comida, os días de sol primaverais onde as terrazas saen a rúa, e a música emerxe dende calquera curruncho da cidade e todos emocionados festexamos o cambio de estación", indicou a propósito da "morriña" que a invade despois de 11 anos vivindo lonxe de Compostela.

A pregoeira destacou a "esencia e a vitalidade" da cidade, que "me abriu os ollos, a mente e o espírito coa enriquecedora vida cultural que agromaba sen esforzo por tódolos seus poros". Así, lembrou eventos como En Pé de Pedra, Cineuropa ou Curtocircuíto, ou lugares como a Sala Nasa, a Sala Galán, o Teatro Principal ou o Salón Teatro, que "me deron a oportunidade de dar os meus primeiros pasos como creadora ao igual que afortalaron a miña personalidade artística pola diversidade de códigos e propostas escénicas". "Hai poucos lugares no mundo tan auténticos e tan cinematográficos coma este", engadiu sobre unha cidade para ela "máxica".

Acompañada polos seus sobriños, reivindicou tamén "unha educación na igualdade, na diversidade cultural, na aceptación do outro e no amor pola terra", porque "entender e defender o que son fixo que puidera amar e comprender outras culturas, a aceptar e ser aceptada por outros".

Finalmente, Nerea Barros lembrou a súa nai e o "xérmolo guerreiro de loita que levamos tódalas galegas dentro". Foi a súa homenaxe a "todas esas heroínas que dende o anonimato da súa casa levantaron soas e en silencio a familias enteiras e fixeron o futuro agora presente de Galicia".

Bette Smith
Despois do pregón celebrouse o primeiro concerto das festas do Apóstolo, a cargo de Bette Smith. A cantante, procedente de Brooklyn, fixo gozar aos/ás presentes na praza do Obradoiro a ritmo de gospel, blues e soul.

Compartir: