MEDIO AMBIENTE

O CIAC acolle un coloquio e un obradoiro sobre as alternativas aos plásticos

18/07/2018 Durante este mes de xullo, o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela celebra o Día Internacional libre de bolsas de plástico (3 de xullo). Neste marco, o venres 20 de xullo, ás 18:30 horas, acolle unha charla coloquio titulada "Na procura de alternativas: vivir sen plásticos" e un obradoiro de elaboración de bolsas de tea.

Ante a implantación da nova lei que prohibe o uso das bolsas de plástico de un só uso, e a necesidade de tomar medidas de redución dos residuos que xeramos en xeral, e dos envases de plástico en particular, realizarase unha charla-coloquio na cal se falará dos principais problemas (contaminación dos océanos ou illas de plástico, elevada demanda enerxética na produción e reciclaxe dos envases de plástico) e das alternativas que existen na actualidade (Retorna, SDDR, Zero Waste, Rede Galega de Decrecemento, Por unha Galiza Sen Petróleo, grupos de consumo responsable, compra a granel sen embalaxes ou a moda de levar o tupper-ware á compra), e así poder realizar unha verdadeira transición cara un mundo libre de plásticos.

Ao rematar esta charla, como unha alternativa para o noso día a día, realizarase o obradoiro "Elabora a túa bolsa de tea", no que os/as participantes aprenderán a realizar unha bolsa a partir dunha camiseta vella (cada cal ten que traer a súa).

Estas actividades están dirixidas a todos os públicos e son de balde, previa inscrición a través do teléfono 981 543 145 ou da dirección de correo electrónico ciac@santiagodecompostela.gal.

Outras actividades
O calendario de actividades do CIAC en xullo tamén inclúe un obradoiro de elaboración de xoguetes con material de refugallo. A cita é o venres 27 ás 11:30 horas.

Continuando coa redución dos residuos de plásticos de un só uso e fomentando a súa re-utilización, poderemos construír os nosos propios xoguetes con material de refugallo, incentivando a nosa imaxinación e concienciando sobre a redución dos residuos, a reutilización e a reciclaxe.

Este obradoiro está dirixido a público infantil (a partir de 6 anos). Tamén é de balde e con inscrición previa.

Finalmente, o sábado 28, ás 11:30 horas, realizarase o roteiro interpretaivo mensual polo parque de Belvís. Esta actividade está dirixida a todos os públicos (nenos/as a partir de 9 anos) e tamén é de balde e con inscrición previa.

Compartir: