FESTAS

O Apóstolo 2018 volve apostar polos artistas da cidade no ciclo "Compostela É! Música"

16/07/2018 A praza do Toural volverá ser escenario durante as festas do Apóstolo do ciclo de concertos Compostela É! Música. Serán oito actuacións que nos permitirán coñecer e gozar da música feita en Santiago.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou hoxe os concertos do ciclo, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada por Chus Silva e Nastasia Zürcher, da sección Compostela da Asociación de Músicos ao Vivo; e por Alejandro Castiñeiros, de Mojo Experience; e Jamila Purofilin, en representación das bandas que actuarán na praza do Toural.

Identidade de Compostela
A concelleira de Acción Cultural reiterou que "a música ao vivo é un signo de identidade de Santiago, e o Goberno está a traballar para consolidala, non só nos locais de hostalería, senón tamén nos espazos públicos". Branca Novoneyra recoñeceu que "o censo Compostela É! Música, creado pola sección santiaguesa da asociación de Músicos ao Vivo coa colaboración do Concello, é unha das ferramentas máis interesantes coas que traballamos a nivel de programación, e confiamos en que este ciclo que naceu o ano pasado fique consolidado".

Nesa liña, Nastasia Zürcher e Chus Iglesias, da Asociación de Músicos ao Vivo, mostraron o seu agradecemento ao Goberno por "recuperar espazos emblemáticos da cidade coma o Toural para a música ao vivo, e para a música feita en Compostela". Pola súa banda, tanto Jamila Castillo como Alejandro Castiñeiras, de Mojo Experience, recoñeceron a súa satisfacción por poderen tocar na praza do Toural e para o público da súa cidade.

Concertos
O ciclo Compostela É! Música abrirase o venres 20 co concerto de Liridade Noctámbula, un proxecto musical e artístico dirixido por Ramón Rey, que vén lanzar un novo disco protagonizado polos poemas de Federico García Lorca, con seis pezas en galego e dous textos de Poeta en Nueva York.

O domingo 22 será a quenda de Mojo Experience, unha banda que mestura o blues co hard rock, o funk e o soul; e o martes 24 tomará o relevo Mega Purple Sex Toy Kit, que presentará o seu primeiro LP, Good vibrators. O mércores 25 subirá ao escenario do Toural Oîma Trío, e o xoves 26 será a quenda de Jamila Purofilin, unha artista cubana asentada en Santiago, que presentará o seu traballo Bolerista en viaje.

Xa o sábado 28, o ciclo Compostela É! Música trae a Blanco Palamera, o proxecto musical de Manu Blanco e Xoán Domínguez cun son que mestura R&B, indietrónica e pop negro. Ao día seguinte, o domingo 29, actuará Valentín Caamaño Quartet, e para o luns 30 queda a actuación de The Show Bass, un grupo de rocksteady, R&B e soul xamaicano.

Todos os concertos do ciclo Compostela É! Música serán ás 23:00 horas, salvo o da noite do 24 de xullo, que está previsto para as 24:00 horas.

Outros concertos do Toural
A axenda do Apóstolo na praza do Toural completarase con outros concertos alleos ao censo de Compostela É! Música. Así, o sábado 21 actuará Joao Afonso; o luns 23, Antonio Lizana; o venres 27, Voodoo; e o martes 31, gozaremos dos cantos de taberna de Manolo Bacalhau.

Transporte
A concelleira de Acción Cultural aproveitou a rolda de prensa de hoxe para lembrar que durante as festas do Apóstolo haberá un servizo especial de autobuses nocturnos, en colaboración con Tussa e derivado do proceso de Orzamentos Participativos. Os autobuses funcionarán entre os días 21 e 31, "co obxectivo de facilitarlle á poboación da zona rural a participación en todas as actividades que temos programadas para as festas". Branca Novoneyra, que explicou que o servizo funcionou a modo de programa piloto na Ascensión, mostrou a súa intención de incorporar estas liñas de maneira regular nas festas.

Compartir: