PLAN ESTRATÉXICO

O Plan Estratéxico aposta por unha Compostela cunha base económica sólida, diversificada e competitiva

15/01/2007 O Consello Económico e Social acolleu a presentación das conclusións do Plan Estratéxico da cidade de Santiago, que establece o marco estratéxico sobre o que xirará o desenvolvemento futuro da cidade. Conseguir unha "base económica sólida, diversificada e competitiva" é un dos obxectivos prioritarios do Plan, que aposta por facer da calidade urbana un sinal de identidade de Santiago.

Coa presentación das conclusións está a piques de rematar a terceira fase do Plan, que agora será sometido a consulta cos axentes sociais a través de comisións sectoriais. E trala súa aprobación definitiva virá unha nova fase, encamiñada á consecución dos obxectivos, con programas de actuacións e un seguimento permanente.

Tratarase entón de dar cumprimento ás liñas estratéxicas formuladas, como a diversificación da base económica; a mellora da accesibilidade e da mobilidade, a proxección exterior, turística e cultural da cidade; a consolidación da formación, do I+D+i e da cultura; o aumento da calidade de vida dos cidadáns ou o reforzamento das institucións interadministrativas da cidade.

Na elaboración do Plan Estratéxico están a intervir o Concello, a Universidade de Santiago, a Cámara de Comercio, as tres centrais sindicais (CCOO, CIG e UXT), a Confederación de Empresarios de Galicia, o Arcebispado de Santiago e Caixa Galicia, como entidade patrocinadora.

Compartir: