ESPAZOS CIDADÁNS

O Goberno introduce modificacións puntuais na Ordenanza de Terrazas

11/07/2018 O Pleno da Corporación debaterá o próximo día 19 a modificación da Ordenanza reguladora das terrazas e quioscos de hostalería, xa aprobada na Xunta de Goberno do pasado venres. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, explicou hoxe o contido das modificacións, "que buscan mellorar a seguridade xurídica nas terrazas interiores, limita o prazo das autorizacións das terrazas con pechamentos estables, e reduce a posibilidade de que estas instalacións ocupen espazo público máis alá da fachada do local ao que pertencen".

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade explicou que "o Goberno está traballando nunha modificación conxunta de ordenanzas municipais máis ambiciosa, para responder ao novo marco xurídico derivado da Lei de Emprendemento de Galicia, primeiro, e da Lei de Espectáculos Públicos, despois. Por iso hai que facer un estudo completo do marco municipal relacionado coas actividades".

Terrazas interiores
Jorge Duarte explicou que unha das modificacións introducidas pretende regular a figura das terrazas sitas en chan privado, "ante as confusións que xeraba a ordenanza vixente, e máis en concreto a redacción da disposición derogatoria única da ordenanza, que na práctica impedía a concesión de licenzas en terreos privados". Nela sinalábase que "as actividades complementarias desenvolvidas polos establecementos no exterior (terrazas en vía pública) non estarán sometidas ás limitacións do illamento acústico ou aos límites máximos de ruído permitidos no exterior". A modificación prevista elimina a aclaración relativa ás "terrazas en vía pública", de xeito que a disposición lle afectaría tamén ás terrazas sitas en chan privado. O obxectivo, segundo apuntou o concelleiro de Espazos Cidadáns, "é atender á realidade de Compostela, nomeadamente da súa zona histórica, onde son frecuentes os espazos privados acondicionados como xardíns e hortas interiores, que ata o de agora quedaban fóra desa disposición derogatoria". Coa modificación proposta, as actividades complementarias que se desenvolvan en chan privado "quedarán condicionadas a que non se produzan molestias, no marco da ordenanza de ruídos".

Terrazas con pechamento
A proposta que será debatida no Pleno da Corporación tamén modifica o artigo da ordenanza que fixaba en dez anos o período de vixencia das terrazas con pechamentos estables, "incumprindo unha lei de rango superior relacionada coas concesións demaniais de espazo público". Agora, ese prazo pasará a ser dun máximo de catro anos, incluídas as prórrogas, "para darlle cumprimento á Lei de Patrimonio de Administracións". As autorizacións tamén poderán ser revogadas antes da finalización dese período, por razóns de interese público.

Doutra banda, e para o conxunto das terrazas, vaise limitar a posibilidade de modificar os termos das autorizacións concedidas nunha mesma tempada. O concelleiro de Espazos Cidadáns explicou que "é frecuente que os establecementos de hostalería queiran modificar as condicións da súa licenza de terrazas en relación á súa disposición ao longo do ano, e agora só se vai permitir un cambio por ano". Jorge Duarte explicou que "o obxectivo é que teñamos un coñecemento máis estable das dimensións das terrazas, dos elementos que a compoñen, para favorecer así o seu control"

Extensión das terrazas e horarios
Outro dos cambios substanciais introducidos na ordenanza ten que ver coa utilización das frontes das fachadas. Na actualidade, un local pode situar a súa terraza acaroada á fachada do propio establecemento ou estar separada dela ata un máximo de vinte metros. Agora, esta posibilidade de separar a terraza quedará limitada a casos excepcionais e ben xustificados, e con carácter xeral a terraza deberá situarse acaroada á fachada do establecemento e a súa lonxitude limitarase á da fachada do local ao que estea vinculada.

Tamén se introduce unha nova redacción no artigo que regula os horarios das terrazas, segundo explicou Jorge Duarte, "atendendo ás demandas do propio sector hostaleiro". A modificación proposta sinala que a limpeza e a retirada do mobiliario da terraza deberá facerse no prazo máximo de 30 minutos unha vez rematado o tempo de permanencia permitido.

O horario de funcionamento das terrazas mantense ata a 1:00 nos meses de maio, xuño e setembro durante a semana, e ata as 2:00 nas noites de venres a sábado, véspera de festivos e noites de sábado a domingo. Nos meses de xullo e agosto, o horario de peche será as 2:30 horas todos os días. O resto do ano, do 1 de outubro ao 30 de abril, o horario de peche será as 23:30 entre semana e as 00:30 horas nas noites de venres a sábado, véspera de festivo e noites de sábado a domingo.

Ordenanza de ruídos
Jorge Duarte aproveitou a rolda de prensa para lembrar que a Xunta de Goberno ten aprobada tamén a modificación da ordenanza de ruídos, que tamén será debatida no Pleno da Corporación. O obxectivo é que a concesión de licenzas para a celebración de actividades "dependa do nivel de ruído, e non de cal sexa a fonte de orixe do son".

Compartir: