TURISMO

As Cidades Patrimonio presentan a súa oferta turística e cultural en Berlín

22/06/2018 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade presentou na noite deste xove en Berlín (Alemaña), xunto con Paradores, as novidades da súa oferta turística ao sector profesional do turismo da capital alemá.

O acto, celebrado na Embaixada de España en Berlín, foi organizado pola Oficina de Turismo de España en Berlín no marco do convenio de colaboración do Grupo de Cidades Patrimonio co Ministerio de Industria, Comercio e Turismo/Turespaña para a promoción internacional das 15 cidades españolas inscritas na Lista do Patrimonio Mundial da Unesco. Preto de 70 de representantes de axencias de viaxes, operadores turísticos e medios de comunicación coñeceron de primeira man estes destinos patrimoniais e as posibilidades de aloxamento nos establecementos da rede de Paradores.

O obxectivo da acción comercial é converter a oferta patrimonial das 15 cidades Unesco nun destino novo e alternativo para os viaxeiros alemáns, fronte á tradicionais estancia nas costas e praias españolas, dirixida a un turista que busca unha experiencia completa que inclúe historia, gastronomía, compras e un lecer cultural e patrimonial.

Tras a presentación, inaugurouse a exposición fotográfica 15 Xoias de España, que recolle, en 60 fotografías, algúns dos recunchos máis significativos das Cidades Patrimonio. A mostra recala na sala de exposicións da Embaixada tras pasar polos centros do Instituto Cervantes de Lyon, Bucarest, Viena, Budapest, Belgrado, Hamburgo e Praga.

Doce millóns de visitantes
Alemaña converteuse, con 12 millóns de visitantes, no segundo mercado emisor máis importante para España despois do Reino Unido. As accións do Grupo de Cidades Patrimonio neste mercado inclúen a presenza nas feiras ITB Berlín e Raisen Hamburgo, as máis importantes do país.

Esta acción comercial conxunta do Grupo de Cidades Patrimonio e Paradores no mercado alemán enmárcase dentro da intensa liña de colaboración que ambas as entidades veñen mantendo dende 2010 para desenvolver accións de fomento do turismo cultural e que se concreta en presentacións internacionais, organización de viaxes de familiarización para xornalistas e operadores turísticos, concursos e campañas de márketing, promocións e ofertas para o público, así como un programa de vantaxes para os "Amigos de Paradores" que se aloxen nos establecementos da rede das Cidades Patrimonio.

Dáse a circunstancia de que tanto o Grupo de Cidades Patrimonio como Paradores están a celebrar en 2018 os seus aniversarios, 25 e 90 anos, respectivamente.

Posta en valor do Patrimonio Mundial
Esta presentación enmarcouse tamén na celebración do Ano do Patrimonio Cultural Europeo, coa organización o 19 e 20 de xuño na Embaixada de España dunhas xornadas de traballo entre asociacións e entidades de xestión de Patrimonio Mundial europeas, que precedeu á presentación da oferta turística do Grupo. Este encontro reuniu a representantes de Italia, Francia, Reino Unido, Alemaña, Eslovenia. Polonia, Austria, Suíza, Portugal e España, que traballaron nas bases para a creación dunha entidade supraeuropea que terá como obxectivos a posta en valor do Patrimonio Mundial, a cooperación transnacional, e a interlocución ante os organismos europeos para reclamar apoio lexislativo e financeiro para a xestión destes bens. O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade vén liderando este proxecto desde 2016, e, xunto con Alemaña formará parte de comité encargado de propoñer os aspectos legais e de organización desta nova entidade.

Compartir: