XUNTA DE GOBERNO

O Concello ocupará a entreplanta na rúa de Xeneral Pardiñas de propiedade municipal

22/06/2018 A Xunta de Goberno acordou hoxe ocupar a entreplanta da rúa de Xeneral Pardiñas que o Concello de Santiago recibiu segundo unha permuta asinada no ano 2005, e que debería terlle sido traspasada libre de cargas. O local será destinado a usos socioculturais vinculados ao Departamento Municipal de Lingua. O Goberno local segue á espera de que se resolva o recurso xudicial que ten presentado para solicitar a nulidade do procedemento hipotecario que lle afecta ao inmoble.

A entreplanta de Xeneral Pardiñas foi obxecto dun acordo de permuta asinado no ano 2005, polo que o Concello lle cedía á empresa Promociones Oroso unha parcela de San Lázaro para a construción do actual edificio dos sindicatos a cambio da entrega dese local, libre de cargas. No ano 2008, a promotora subscribiu unha hipoteca co Banco Popular pola totalidade do edificio de Xeneral Pardiñas, que tamén incluíu a entreplanta cunha carga de 890.000 euros. Dábase a circunstancia de que a entidade bancaria que subscribiu a hipoteca era a mesma que tres anos antes subscribira o aval que garantía a entreplanta lle sería entregada ao Concello libre de cargas. O Concello non presentou demanda contra a promotora ata o ano 2010. En 2015 ditouse unha sentenza que condenaba á empresa a entregar o inmoble ao Concello, pero que non facía referencia ao procedemento hipotecario, obxecto doutro procedemento xudicial.

En xuño de 2017, foille comunicado ao Concello que estaba fixada a data para a poxa da entreplanta por non ter sido pagada a hipoteca. O procedemento quedou paralizado temporalmente cando o Goberno local solicitou xudicialmente a nulidade do procedemento hipotecario e reclamou a adopción de medidas cautelares urxentes ata a súa resolución. Agora, o Concello opta por facer uso da entreplanta, na que o Departamento Municipal de Lingua organizará actividades socioculturais.

Procedemento da Quinta da Auga
A Xunta de Goberno adoptou hoxe outro acordo que pon fin a un conflito longamente xudicializado. Así, acordouse adxudicar á empresa Lorygar, de maneira directa, a parcela municipal do SUNP-29 de Brandía. A promotora pagará pola finca os algo máis de 116.000 euros que xa tiña depositados na Tesourería Municipal, máis 25.000 euros en concepto de IVE que ten pendentes de ingresar nas arcas municipais.

Con esta venda directa, o Goberno local executa a sentenza xudicial que anulaba o convenio urbanístico asinado polo Concello e Lorygar no ano 2008, que supuxo a cesión dunha parcela municipal para a construción dunha parte do complexo hoteleiro A Quinta da Auga a cambio doutra finca no SUNP-29. O convenio fora denunciado por un particular, e o caso chegou ata o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que o declarou nulo e obrigaba a reverter a finca no Concello. Posto que a parcela xa estaba edificada, e para evitar o derrubo de parte do complexo hoteleiro, a Xunta de Goberno autorizou e a xustiza avalou posteriormente a "restitutio un pecuniam" como forma de execución da sentenza.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: