ACCIÓN CULTURAL E IGUALDADE

Compostela subscribe a Carta pola Igualdade MH nas Artes Escénicas, promovida pola asociación Clásicas y Modernas

21/06/2018 O Concello de Santiago vén de sumarse á Carta pola Igualdade MH nas Artes Escénicas, impulsada pola asociación Clásicas y Modernas co obxectivo de equilibrar a presenza de homes e mulleres na programación artística. O acordo subscrito hoxe aféctalle a tres espazos culturais da cidade: o Auditorio de Galicia, o Teatro Principal e a Sala Agustín Magán.

As concelleiras de Igualdade e de Acción Cultural, Marta Lois e Branca Novoneyra, asinaron esta mañá o convenio con Mariana Carballal, coordinadora do grupo promotor das Tempadas da Igualdade en Galicia, e representante da asociación Clásicas y Modernas. Foi nun acto ao que asistiron as actrices Esther F. Carrodeguas, Estívaliz Veiga e Marta Pérez.

Tempadas da Igualdade
Coa sinatura do acordo, o Concello de Santiago incorpórase ás Tempadas pola Igualdade, unha iniciativa promovida pola asociación Clásicas y Modernas que procura que quen produza e programe danza, teatro ou música se comprometa a acadar neses ámbitos unha igualdade real entre homes e mulleres. En concreto, preténdese atender aos compromisos de igualdade no eido da produción e difusión, encamiñándose cara o equilibrio na programación dos textos escritos por mulleres e homes, o reparto de axudas igualitario entre artistas homes e artistas mulleres, a introdución de criterios de igualdade na constitución dos equipos técnicos e administrativos, e a loita pola paridade no seo dos consellos de administración, xurados ou comités de selección, entre outros aspectos.

A concelleira de Acción Cultural lembrou que o Concello de Santiago "xa mantén unha política activa na procura da igualdade real en todos os ámbitos, tamén no da cultura, pero é preciso un proceso de avaliación dos resultados para ir adoptando novas decisións". Branca Novoneyra incidiu en que "o reto real é que as mulleres estean en todos os ámbitos das artes escénicas, como actrices e como bailarinas, pero tamén como directoras de escena, como programadoras ou como técnicas". No convenio asinado hoxe, establécese que o Concello de Santiago incorpórase ás Tempadas pola Igualdade tendo en conta tres espazos concretos: o Auditorio, o Teatro Principal e a Sala Agustín Magán.

Presenza cuantitativa e cualitativa das mulleres
A concelleira de Igualdade, Marta Lois, recoñeceu que "a paridade nas Artes Escénicas aínda non se conseguiu, e este documento fíxanos un horizonte de tres anos para avanzar na presenza das mulleres, non só cuantitativa senón tamén cualitativa".

A representante de Clásicas y Modernas, Mariana Carballal, explicou que as Tempadas da Igualdade fixan o prazo de tres anos para avaliar a situación en canto á paridade nos ámbitos da produción e Difusión, a gobernanza e a comunicación en relación coas Artes Escénicas. Segundo apuntou, "o reto está en acadar en cada tempada de programación a igualdade en espazos como a dirección dramatúrxica ou coreográfica, ou mesmo a escenográfíca". Mariana Carballal agradeceu o compromiso do Concello de Santiago, porque "a sinatura da Carta na capital cultural do país ten unha enorme carga simbólica e arrastrará a outros moitas institucións públicas e privadas".

A asociación Clásicas y Modernas, constituída por profesionais da arte e da cultura, conta co respaldo de diferentes grupos promotores, un deles en Galicia, que se encargan de solicitar as adhesións de institucións públicas e privadas á Carta pola Igualdade MH. Este compromiso debe aplicarse de xeito progresivo ao longo de tres anos. Para conseguilo, Clásicas y Modernas propón diferentes obradoiros de formación en igualdade de xénero na cultura, facilita metodoloxías de análise, e promove a publicación do folleto de divulgación estatística "Onde están as mulleres?" por parte da Fundación SGAE.

Compartir: