CENTROS CÍVICOS

Teatro, circo e circuítos saudables, novas propostas para "vivir o verán" coa rede de Centros Cívicos

21/06/2018 A rede de Centros Cívicos ten preparada unha ampla programación para os próximos meses, co obxectivo de ofrecer propostas de lecer e ocio saudable para todos os públicos. A concelleira Concha Fernández presentou hoxe algunhas das actividades que se levarán a cabo en xullo, como o programa de Circuítos saudables ou as actuacións de circo nos parques. Tamén deu conta da II Mostra de Teatro no Principal, que se celebrará a próxima semana.

Por segundo ano consecutivo, os clubs de teatro dos centros cívicos de Santiago poderán mostrar o traballo que veñen realizando ao longo do ano no Teatro Principal, na mostra que se vai desenvolver dos días 25 a 30 de xuño. Concha Fernández salientou que esta iniciativa "permite que os grupos de teatro afeccionado, xurdidos nos barrios e parroquias, poidan actuar no escenario máis emblemático de Compostela e sentirse como verdadeiras compañías profesionais". A concelleira de Centros Cívicos explicou que nas xornadas participarán oito grupos da rede de centros cívicos, aos que desta vez se suman como invitados o Grupo Martabelas de Teo e Avelaíña Teatro. Será este grupo o que abra a mostra o luns 25 de xuño, ás 21.00 horas, coa obra A ópera de A Patacón.

O martes 26 será unha xornada intensa na Mostra. Ás 18:00 h actuarán o grupo infantil do Centro Cívico das Fontiñas, que representará Barbas do mar, e o grupo xuvenil de Marrozos, coa obra Arte. Ás 21:00 h será a quenda do grupo de adultos Rochaforte, coa peza Isto non ten cura, e ás 21:30 h pechará a xornada o grupo Solpor, dos adultos de Vite, con Lencería fina. O mércores 27 está prevista a actuación do grupo de adultos do Centro Cívico das Fontiñas, que porá en escena O Florido Pénsil, a partir das 21.00 horas.

O venres 29 de xuño, ás 21:00 horas, pasará polo Teatro Principal, como grupo invitado, os Martabelas de Teo, coa obra A cousa de Bernarda Alba. Xa o sábado 30 de xuño, a Mostra de Teatro pecharase cos grupos infantil e xuvenil do Centro Cívico de Conxo, que representarán as obras A gata con botas e Mórdeme, a partir das 18:00 horas. Pechará o ciclo o grupo de adultos do Centro Cívico de Santa Marta, con El cadáver del Señor García.

Circuítos saudables e pedaladas
A concelleira de Centros Cívicos tamén presentou hoxe os Circuítos saudables, que a rede organiza ao longo do mes e xullo. Serán camiñadas de entre 10 e 15 quilómetros, "coas que queremos animar á veciñanza a aproveitar o bo tempo para unha actividade física apta para todos e todas, e ao tempo, coñecer mellor o noso municipio", indicou Concha Fernández.

As rutas están dirixidas a adultos e séniors, e terán como punto de saída o palco da música da Alameda, sempre ás 19:00 horas. Haberá circuítos ao longo de todo o mes de xullo, de luns a xoves. A maioría delas teñen unha dificultade sinxela, isto é, son percorridos de entre 10 e 12 quilómetros por terreo regular.

Os percorridos permitirán que as persoas participantes coñezan os tramos máis céntricos dos diferentes Camiños de Santiago, o contorno do Sarela, a ruta dos parques, os montes do Gozo, Gaiás, Pedroso ou Viso, ou mesmo a zona do Banquete de Conxo.

A actividade é de balde, pero é preciso inscrición previa no teléfono 981 543 001.

Ademais, dende o Centro Cívico de Fontiñas organizan unha serie de roteiros en bicicleta para descubrir os espazos naturais e culturais da cidade, dos que dou conta o seu organizador, Antonio Romaní. O 11 de xullo está prevista unha pedalada seguindo o río Aríns, o 18 de xullo polo último tramo do Camiño Inglés e o 31 de xullo pola Selva Negra e o Monte Pedroso. Todas as saídas serán ás 11.00 horas.

Tamén no Centro Cívico das Fontiñas, o 19 de xullo haberá unha xornada sobre mobilidade sostible, que comezará cunha charla ás 10:00 horas na que se abordarán cuestións de interese para os usuarios e usuarias da bicicleta como a condución en estrada, o funcionamento das bicicletas eléctricas ou o mantemento dos materiais. A continuación, haberá un circuíto práctico na praza de Europa. A xornada pecharase cun roteiro en bicicleta polas ribeiras do río Sar, a partir das 17.00 horas. Para participar, é preciso inscribirse no centro cívico das Fontiñas ou no teléfono 981 528 750.

Circo nos parques
Por último, Concha Fernádez deu conta do programa Circo nos parques, que se levará a cabo entre os días 11 e 23 de xullo nos parques e zonas vedes próximas aos centros nos que a Concellaría de Centros Cívicos desenvolve o seu programa de campamentos de verán. As actuacións serán sempre ás 11:30 horas e correrán a cargo da compañía Circo Chosco.

A actividade comezará o 11 de xullo en Fontiñas e ao día seguinte trasladarase ao Castiñeiriño, celebrándose o 13 de xullo no exterior do centro de Conxo. Xa o día 16, o circo chegará a Santa Marta, o 17 será no Romaño e no 19 no exterior do centro da Gracia. O programa Circo nos parques rematará o día 23, na contorna do Centro Cívico de Vite. As actuacións, dunha hora de duración, trasladaranse en caso de choiva ao centro cívico próximo. A actividade é de balde e non precisa inscrición.

Compartir: