MOBILIDADE

Servizos especiais do transporte urbano para asistir ao partido da SD Compostela e ao festival "O Son do Camiño"

21/06/2018 O vindeiro 25 de xuño entran en vigor, como cada ano, os horarios de verán no servizo de transporte urbano. Os detalles do mesmos déronos a coñecer en rolda de prensa o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e o xerente de Tussa, José Ramón Mosquera, quen tamén anunciaron os servizos especiais previstos con motivo do partido da SD Compostela en San Lázaro deste domingo e do festival O Son do Camiño.

Este ano mantéñense os mesmos horarios que o pasado ano, coa inclusión de novos servizos de transporte na liña de Villestro, a petición da Asociación de Veciños de Villestro. Deste xeito, mantense tamén no verán o servizo das 13:00 horas e múdase o das 17:00 ás 18:00 horas.

A partir de hoxe mesmo ponse a disposición dos usuarios e usuarias toda a información na web de Tussa. Ademais, editaranse folletos informativos que estarán a disposición dos viaxeiros e viaxeiras nos propios autobuses, a partir de mañá mesmo.

Todos/as os/as usuarios/as contan coa aplicación de maisbus, así como o teléfono 981 581 815 os 365 días do ano, no horario de funcionamento do servizo, teléfono no que se informa de horarios, rutas e tempo estimado de espera nunha parada determinada. Tamén están dispoñibles os perfís de Twitter e de Facebook.

Partido en San Lázaro
Con motivo do partido polo ascenso a 2ºB que a SD Compostela disputará este domingo, 24 de xuño, a partir das 19:00 horas, os afeccionados e a afeccionadas disporán de servizos para achegarse ata o Estadio de San Lázaro. Así, a liña 6 do transporte urbano prolongarase ao estadio nos servizos con saída dos Tilos ás 17:45, 18:15 e 18:45 horas. Ao remate do partido, os servizos con saída de San Marcos das 21:00 e 21:30 horas accederán ao estadio para o regreso.

Festival O Son do Camiño
Para asistir ao festival O Son do Camiño, os días 28, 29 e 30 de xuño, habilitarase un servizo lanzadeira, que funcionará durante estas xornadas de forma continuada. O servizo arrincará ás 12:00 o xoves e ás 14:00 horas o venres e o sábado, e finalizará ás 3:30 horas o xoves e ás 4:30 horas o venres e o sábado.

O punto de saída será a rúa do Hórreo, no carril bus fronte á estación de ferrocarril. Este servizo directo irá ata a rotonda de confluencia das rúas das Estrelas e de Agra dos Campos (ida e volta polo periférico e pola rúa das Estrelas). As lanzadeiras realizarán percorridos tanto de subida como de baixada en todo momento durante o período indicado.

Ademais, os/as asistentes aos concertos dispoñen doutras dúas liñas do transporte urbano, a 6 e a 7, para achegarse ata o Monte do Gozo. Así, a liña 6 (Os Tilos – San Marcos), con prolongación ata o estadio de San Lázaro, fai paradas nas inmediacións do complexo do Monte do Gozo (zona Costa de San Marcos, Hotel Santiago Apóstol). Nesta liña, as frecuencias serán de 20 minutos o xoves e o venres, e de 30 minutos o sábado pola tarde. As paradas máis céntricas para o acceso á liña 6 son: rúa do Hórreo (estación de ferrocarril), rúa do Hórreo (Parlamento), rúa do Hórreo nº 23, rúa da Ensinanza e rúa da Virxe da Cerca nº 10.

Os tres días do festival, a liña 6 realizará unha prolongación pola avenida de Fernando Casas Novoa para atender a posible demanda de usuarios que deixen os vehículos estacionados no aparcadoiro do Estadio de San Lázaro, dende as 14:00 horas ata a finalización dos servizos da liña, ás 23:00 horas. A parada provisional estará sinalizada.

En canto á liña 7 (Valle-Inclán – Aríns), conta tamén con paradas nas inmediacións do complexo do Monte do Gozo (rotonda de Agra dos Campos). Terá unha frecuencia de 60 minutos todos os días do festival. A paradas máis céntricas para acceder á liña 7 son: rúa de Valle-Inclán (lateral coa rúa de San Roque), rúa de Virxe da Cerca (Praza de Abastos), rúa de Fonte de Santo Antonio nº 3 e praza de Galicia nº 3.

Nos servizos de volta, a partir das 00:00 horas, haberá un autobús reservado e identificado con acceso ao aparcadoiro de San Lázaro, para cubrir a posible demanda de usuarios que desexen volver ao mesmo.

Estes servizos completaranse cun servizo lanzadeira para o domingo 1 de xullo, entre as 12:00 e as 14:00 horas, con saída dende o punto de parada dos servizos de volta no Monte do Gozo (rotonda de Agra dos Campos), ata a estación de ferrocarril, para posibilitar a saída do cámping.

Direccións relacionadas



Compartir: