IGUALDADE

Compostela celebra mañá e pasado o Orgullo 2018 con festa e actos reivindicativos

21/06/2018 Santiago vai celebrar o Orgullo 2018 cunha chea de actividades que se desenvolverán mañá venres e o sábado, na praza 8 de Marzo e no Matadoiro. O programa, baixo o nome Compostela Diversa, está organizado polo Concello, en colaboración cos colectivos AmiZando, Arelas, Avante e Ultreia.

Compostela Diversa pretende poñer en valor o papel de Santiago como capital e referente da diversidade sexual e de xénero en Galicia. Para iso, o Concello e os colectivos LGTBI deseñaron conxuntamente unha serie de actividades nas que se apostou por combinar a parte reivindicativa coa máis lúdica e festiva, con propostas mesmo para os nenos e nenas.

Carlos Blanco, presentador da festa
Unha das últimas incorporacións ao programa foi a de Carlos Blanco, que exercerá de presentador na gran festa da noite de mañá venres na praza 8 de Marzo. O actor e monologuista daralle paso á lectura do manifesto LGTBI e, posteriormente ás actuacións de De Vacas, Sabela King & The Heartbreakers, La Prohibida e Moreno Moreno. Será a partir das 20:00 horas.

Tamén haberá música o sábado 23 de xuño, cunha sesión vermú a partir das 13:00 horas na que participarán Broken Peach, Putochinomaricón, Fantástica DJ e Bribatta.

Postos informativos e mesa redonda
A parte festiva do programa Compostela Diversa vai complementada cunha serie de accións que pretenden ser máis reivindicativas e coas que os colectivos LGTBI queren dar a coñecer o seu traballo. Así, tanto o venres 22 como o sábado 23, na praza 8 de marzo estarán instalados postos informativos de AmiZando, Arelas, Avante e Ultreia, que mostrarán as actividades nas que participan ao longo de todo o ano.

Ademais, no venres celebrarase unha mesa redonda baixo o lema "Igualdade legal para a igualdade real. O futuro lexislativo das leis trans e da lei LGTBI", que reunirá a representantes públicos e voceiras de diferentes asociacións. Está prevista a participación de Daniela Ferrández, activista de AmiZando; a senadora Vanesa Angustia; a deputada Olalla Rodil; o avogado Miguel Vieito e do activista de Avante Martín Vizcaíno. O debate comezará ás 18:00 horas. Previamente, está prevista unha sesión de contacontos con Raquel Queizás, que trae ao Compostela Diversa a súa proposta "Somos iguais". Nela, Queizás reúne historias de nenas e nenos, ou de animais, que rompen os estereotipos de xénero que abundan nos contos.

Ademais das actividades previstas polo Concello e as asociacións LGTBI, os bares, pubs e restaurantes da zona participaron no deseño do programa Compostela Diversa e na súa difusión, levando a cabo actuacións específicas nos seus locais. Os que se sumaron á proposta foron Curruncho, Medusa, Bicoca, Bloom, Forum, Matadero, TS- A Casa, Porrón. Miúdo e O Inferno. Tamén moitos comercios do barrio de San Pedro levarán a cabo actividades no marco da celebración do Orgullo.

Documentos relacionados



Compartir: