ACCIÓN CULTURAL

As bandas municipais de música de Santiago e da Coruña celebran os seus aniversarios nas Xornadas de Música Contemporánea

20/06/2018 A Banda Municipal de Música de Santiago cumpre este ano o seu 170 aniversario e a da Coruña, o 70. Para celebralo ofrecen un concerto conxunto dentro das Xornadas de Música Contemporánea mañá, xoves 21, ás 20:30 horas, na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia. O concerto foi presentado esta mañá pola concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e os directores de ambas bandas: Casiano Mouriño e Juan José Ocón. O concerto, co que se conmemora tamén o Día Europeo da Música, ofrece un programa contemporáneo dentro do cal destaca a estrea absoluta da obra Aniversarios, composta especialmente para a ocasión polo estradense Simón Couceiro, músico da Banda de Santiago. O acceso ao concerto é de balde.

The Great Spirit é unha obra sinfónica en dúas partes que o valenciano Ferrer Ferrán dedicou ao arquitecto Antoni Gaudí, inspirada neste e no seu templo, a Sagrada Familia. Ferrán describe varias etapas da vida deste enxeñoso arquitecto e mestre de formas orgánicas redondas: dende os seus humildes comezos ata o seu traballo nesa basílica, que se convertería nunha tarefa para toda a vida. Reflectindo a arquitectura de Gaudí, as liñas musicais son fluídas e orgánicas, a estrutura expansiva, rica en cor e fascinante, ao igual que os edificios do arquitecto catalán. A peza, unha encomenda da Federació Catalana de Societats Musicals co gallo do 25 aniversario da súa creación, está dedicada a Alex Castells.

Os aniversarios das dúas bandas municipais inspiran ao estradense Simón Couceiro para compoñer un pasodobre de homenaxe, animado por compañeiros e amigos de ambas as dúas agrupacións. Formalmente está estruturado en dous temas principais e o seu correspondente trío na parte central do pasodobre. Ademais, a trompeta é o instrumento que separa as introducións e que nos permite identificar cunha quasi cadenza a parte solista do instrumento.

A última parte do concerto céntrase no americano James Barnes, que foi profesor de orquestración, repertorio, arranxos e composición na Universidade de Kansas durante 41 anos, xubilándose en 2015. Tamén foi director musical das numerosas orquestras de vento desa universidade e doutras agrupacións ao longo dos Estados Unidos. As súas pezas encomendadas son requiridas e interpretadas en Europa, Xapón, Taiwán e Australia, ademais de no seu país. Recibiu, en dúas ocasións, o Premio Ostwald da American Band Masters Association pola súa excelente música para orquestra de vento así como outros importantes premios. En marzo de 2015, estrea en Wangen im Allgäu (Alemaña) a súa Oitava Sinfonía, op. 148 "Sinfonie für Wangen" coa Stadtkapelle local, encomendada pola celebración do 1200 aniversario da cidade. Esta obra soará tamén no concerto deste xoves.

Barnes compón cunha ampla variedade de estilos musicais, técnicas e formas. A súa música reflicte a influencia do jazz, o ragtime e de compositores clásicos que van de Bach a Bartok. Tamén, ás veces, escribe cun vocabulario disonante, contemporáneo en contraposición ás partituras relativamente conservadoras. O propio Barnes mesmo di "Todos os grandes compositores ao longo da historia fálanme do mesmo xeito: dende Dufay a Duruflé."

Compartir: