MOCIDADE

A Concellaría de Mocidade organiza un ciclo de cine ao aire libre na Alameda

19/06/2018 A Alameda de Santiago acolle a próxima semana un ciclo de cine ao aire libre, unha actividade organizada pola Concellaría de Mocidade con cargo aos Orzamentos Participativos Compostela Decide 2018.

A concelleira Noa Morales presentou hoxe a actividade, "unha das que tivo máis apoios no proceso". A responsable de Mocidade explicou que no ciclo, que se vai desenvolver do 25 ao 29 de xuño, poderanse ver "grandes películas que, ademais, foron elixidas a través dunha votación aberta no Facebook da Concellaría, de entre unha lista presentada pola persoa que presentou a proposta no marco do Compostela Decide".

Proxeccións comentadas
Noa Morales salientou que, ademais das proxeccións, "haberá unha pequena presentación de cada película, para contextualizala no momento histórico no que está ambientada e mesmo no que foi estreada". Esa presentación correrá a cargo da actriz compostelá Arantza Vilar, integrante do elenco de As Fillas Bravas, e de Sergio Zearreta, actor vasco asentado en Galicia, membro de Lamatumbá e da Banda dos Crebinsky.

Todas as proxeccións serán a partir das 22:30 horas. O ciclo abrirase con Good bye Lenin o 25 de xuño. Nos seguintes días poderanse ver Cinema Paradiso, A moza danesa, e A lingua das bolboretas. O ciclo pecharase con Moonlight.

No caso de chuvia, a actividade trasladarase ao Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga.

Compartir: