EDUCACIÓN

Adxudicada a xestión do servizo do Programa de Conciliación de Verán

18/06/2018 Esta mañá quedou adxudicado, nunha Xunta de Goberno extraordinaria, o servizo de xestión e desenvolvemento do Programa de Conciliación de Verán do Departamento de Educación e Cidadanía. A empresa adxudicataria é Actividades Lúdicas de Galicia SL.

Na mesma Xunta de Goberno quedaron aprobados tamén os prezos públicos do servizo. Os usuarios e usuarias que se inscriban para as quendas completas pagarán 6,50 euros polas actividades, 5,75 euros polo servizo de comedor e 2,25 polos madrugadores. No caso de que asistan por días soltos, os prezos serán de 7,50 euros polas actividades, 6,75 euros polo comedor e 2,75 euros polo servizo de madrugadores.

As nais e pais poderán facer o ingreso a partir de mañá martes na conta bancaria de Abanca ES89 2080 0388 2031 1000 2662.

Calendario
O Programa Municipal de Conciliación de Verán desenvolverase no período das vacacións escolares no CEIP Raíña Fabiola e no CEIP As Fontiñas, e está dirixido a nenos e nenas que cursen estudos entre o 2º Ciclo de Educación Infantil e o 3º ciclo de Primaria en centros de Santiago.

Os obradoiros e actividades de conciliación desenvólvense de 9:00 a 14:00 horas, pero no programa tamén se ofertan os servizos de madrugadores, de 7:45 a 9.00, e de comedor, de 14:00 a 16:00 horas. O programa desenvolverase durante o período de vacacións escolares de verán. A quenda de xuño será os días 22, 25, 26, 27, 28 e 29; e en xullo haberá catro quendas: do 2 ao 6, do 9 ao 13, do 14 ao 20 e do 23 ao 31 de xullo. En setembro haberá servizo de conciliación do 3 ao 7.

Compartir: