MOBILIDADE

Tussa comeza a xestionar directamente os servizos da ORA e do guindastre

14/06/2018 A empresa municipal Tussa comezará mañá venres a xestionar directamente os servizos da ORA e do guindastre, tal e como estaba anunciado. A partir de mañá, poderase utilizar a nova aplicación para o pago do aparcamento a través do móbil, Moviltik, e deixará de estar operativa a actual app, E-park.

Moviltik elimina a necesidade de desprazamentos ata o parquímetro para validar o ticket da ORA, pero cun sistema de pago diferente do da aplicación actual. A principal novidade é que o sistema de E-park obrigaba a inserir unha determinada carga no monedeiro, de maneira que se adiantaban os cartos para a súa utilización posterior, sendo Setex o depositario inicial do diñeiro. Agora, con Moviltik, os usuarios e usuarias pagarán unicamente polo tempo exacto no que os seus vehículos estean estacionados, e o abono farase sen intermediarios, directamente dende as tarxetas dos condutores e condutoras. A app conta cunha opción denominada "Desaparcar", que se debe premer ao abandonar a praza de estacionamento para abonar a cantidade correspondente ao tempo exacto de utilización.

O Goberno local está a estudar a solicitude presentada pola empresa Setex Aparqui, anterior concesionaria do servizo, para manter en Santiago a súa app móbil, E-park, co servizo da ORA municipalizado. Antes de adoptar unha decisión, é preciso avaliar a compatibilidade técnica entre as dúas aplicacións. Deste xeito, desde mañá, a única app operativa en Compostela será Moviltik, que xa está dispoñible para ser descargada nos dispositivos móbiles Android e Iphone.

Compartir: