ALCALDÍA

Asinado o acordo para traer a Santiago "a mellor Supercopa Endesa dos últimos tempos"

14/06/2018 O alcalde, Martiño Noriega, e o director xeral da ACB, José Miguel Calleja, asinaron este mediodía o acordo para a celebración da Supercopa Endesa 2018 en Santiago. Foi nun acto no que tamén participaron o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o director xeral territorial de Endesa, Miguel Temboury; o presidente do Monbus Obradoiro, Raúl López, e a concelleira de Deporte, Noa Morales.

A Supercopa Endesa 2018 celebrarase os días 21 e 22 de setembro, e traerá ao Multiúsos do Sar ao FC Barcelona Lassa, como campión da Copa do Rei; ao Real Madrid, campión da Euroliga, e ao Kirolbet Baskonia, clasificado a través da Liga Endesa. O Monbús Obradoiro participará como anfitrión.

Paixón polo baloncesto
O alcalde agradeceu "o esforzo de todas as persoas que fixeron posible que un evento desta categoría deportiva veña a Santiago, un esforzo que comezou hai máis dun ano". Martiño Noriega reivindicou que "o baloncesto está no ADN de Compostela, esta é unha cidade que sempre tivo paixón por este deporte". O alcalde tamén sinalou que "o empeño en traer a Supercopa á capital galega ten tamén moito que ver co agradecemento que lle debemos ao club da cidade, o Obradoiro, e á súa afección". Por último, agradeceu a implicación da Deputación da Coruña, "que se mostrou disposta dende o primeiro momento a cofinanciar o patrocinio para o evento.

O director xeral da ACB, José Miguel Calleja, asegurou que "Santiago é unha cidade especial dentro do Estado, e por iso quixemos apostar por traer aquí a Supercopa". Tamén salientou a grande afección polo baloncesto en Compostela, e mostrou o seu desexo de que "esta sexa a mellor Supercopa da historia". Nesa liña, salientou "o espectacular cartel da competición, na que seguro que o Monbús Obradoiro fará un gran papel".

A celebración da Supercopa Endesa 2018 en Compostela é posible grazas ao patrocinio de 242.000 euros que confinancian o Concello de Santiago e a Deputación da Coruña. O seu presidente, Valentín González Formoso, agradeceu que se contara coa institución provincial para participar nesta competición, "dun deporte como o baloncesto que transmite os valores de traballo en equipo, esforzo, superación e respecto polos contrarios". Tamén o presidente do Monbus Obradoiro, Raúl López, mostrou a súa satisfacción porque a Supercopa Endesa 2018 se celebre en Santiago, e mostrouse convencido de que "o club estará á altura da competición, que chegará por primeira vez a Galicia".

Abonos
Os abonos para a Supercopa 2018 poranse á venda o 3 de xullo para os abonados do Monbus Obradoiro, e o 7 de agosto para o público en xeral. Tamén se venderán entradas soltas de día a partir do 17 de setembro.

O prezo dos abonos oscilará entre os 19 e os 35 euros para os abonados do Monbus Obradoiro, e entre os 35 e os 63 euros para os non abonados. As entradas soltas de día poderanse adquirir dende os 25 ata os 45 euros. Ademais, os menores de 18 anos poderán comprar entradas soltas a 9 euros para a Tribuna 2 a partir do 17 de setembro.

Toda a información sobre os abonos pode consultarse na páxina web do Obradoiro.

Direcciones relacionadas



Compartir: