POLÍTICAS SOCIAIS

Compostela conmemora o Día das Persoas Refuxiadas con varias actividades

14/06/2018 O 20 de xuño conmemórase o Día Mundial das Persoas Refuxiadas, e a Concellaría de Políticas Sociais ten en marcha varias actividades para celebrar esa data, xunto coa Rede Galega de Apoio ás Persas Refuxiadas e ao Foro Galego da Inmigración. Tamén se porá en marcha unha campaña de visibilización dos dereitos destas persoas, a través da rotulación dos taxis da cidade.

A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, compareceu hoxe en rolda de prensa para dar conta das actividades previstas. A edila estivo acompañada por Macamen Díaz, da Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas, e de Miguel Fernández do Foro Galego da Inmigración.

Concha Fernández explicou que "Compostela quere renovar o seu compromiso coa acollida das persoas refuxiadas, e máis nos momentos que estamos a vivir, co drama do Aquarius, no que o Goberno do Estado quixo tomar un papel activo do que nos felicitamos"

Aínda que o Día Mundial do Refuxiado se conmemora o día 20, as actividades para celebralo arrancan hoxe mesmo. Será cun espectáculo na praza das Praterías no que se xuntarán a Banda Municipal de Música de Santiago e a compañía Píscore Teatro. Ademais, na actuación intervirán representantes da Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas, e repartiranse exemplares de Pasaportes, o libro de Fernando Rodríguez e Serxio Suárez ao redor do drama da inmigración.

Recepción no Pazo de Raxoi
Xa no propio día 20, haberá dúas citas de interese. Dunha banda, está prevista unha recepción no Pazo de Raxoi a toda as entidades sociais, profesionais e cívicas que forman a Mesa de Coordinación para a Acollida de Persoas Refuxiadas. Está previsto que tamén participen representantes dos concellos de Teo e Ames, que traballan con Santiago nun convenio de colaboración co obxectivo de desenvolver un proxecto intermunicipal de acollida a persoas refuxiadas. O acto contará tamén con música, a cargo de Alba María e Ariel Ninas. O obxectivo principal é, segundo explicou Concha Fernández, "escoitar as voces de persoas refuxiadas que xa viven en Santiago, chegadas de diferentes países en conflito".

Xa pola tarde, na sede do Auditorio de Abanca, a Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas presentará o vídeo documental no que recolleu as testemuñas de composteláns e compostelás acolledores. A cita será ás 20:00 horas.

Miguel Fernández, do Foro Galego da Inmigración, explicou que "a Rede procurou o apoio do Concello de Santiago, porque ten aprobadas declaracións institucionais como cidade acolledora e ese compromiso debe trasladarse á práctica". Segundo explicou, "os vídeos que se van proxectar mostran os conflitos, a disposición de acoller por parte da cidadanía de Compostela, e tamén os incumprimentos das institucións, fundamentalmente dos gobernos da Unión Europea, dos seus compromisos de acollida".

Campaña de visibilización
Ademais, o Concello porá en marcha unha campaña de visibilización sobre os dereitos de asilo e refuxio. Así, dende o dia 19 deste mes e ata o 19 de xullo, algúns taxis da cidade estarán rotulados con dous dos artigos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Serán, en concreto, o artigo 1, que di que "todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereito e, dotados como están de razón e conciencia, deben comportarse fraternalmente uns cos outros"; e o artigo 14, que apunta que "en caso de persecución, toda persoa ten dereito a buscar asilo e a gozar del en calquera país". A concelleira de Políticas Sociais explicou que "queremos facer pedagoxía, explicar por que Santiago é cidade acolledora e por que o feito de selo non é máis que atender aos Dereitos Humanos".

Moción sobre a franxa de Gaza
A concelleira de Políticas Sociais aproveitou a rolda de prensa para dar conta da presentación dunha moción do grupo municipal de Compostela Aberta en relación coa masacres que sofre o pobo palestino na franxa de Gaza, e que se debaterá no pleno do próximo día 21. No texto ínstase ao Goberno de España a expresar a súa valoración sobre os asasinatos de 18 persoas civís desarmadas que se manifestaban o pasado 30 de marzo en Gaza, a realizar as xestións correspondentes dentro das relacións bilaterais entre España e Israel ou no seno da unión Europea para que se deteñan as masacres, e a apoiar as peticións de investigación independente sobre o acontecido. Tamén se lle pide ao Goberno do Estado que convoque á súa embaixada en Israel para tomar as medidas diplomáticas que sexan necesarias e a considerar a suspensión de venda de material militar a Israel, como xa se ten feito en agosto de 2014.

Compartir: