MEDIO AMBIENTE

Comeza o proceso para transferir a Tropa Verde a outras cidades europeas

13/06/2018 Esta mañá celebrouse en Budapest a primeira reunión da Rede de Transferencia do programa europeo Urbact que lidera o Concello de Santiago, a través do programa Tropa Verde. Ao longo dos seis próximos meses, a rede tratará de captar novas cidades participantes, que se sumen a Budapest, o distrito 14 de Zuglo (Hungría), a Aglomeración de Opole (Polonia), Metrópoli Nice Costa Azul (Francia), Pavlos-Melas (Grecia) e Guimaraes (Portugal).

Santiago lidera unha das 25 redes de transferencia do programa europeo Urbact, de intercambio e aprendizaxe para o desenvolvemento urbano sustentable e integrado, a través do proxecto Tropa Verde que impulsa a Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia en colaboración coa empresa Teimas Desenvolvemento. Nunha primeira fase, a rede deberá explorar as condicións e requisitos para a transferencia exitosa do proxecto da Tropa Verde no contexto local das outras cidades, e definir a metodoloxía para facer esa transferencia. Ademais, deberán buscar novos socios, co obxectivo de chegar a un mínimo de cinco e un máximo de oito.

Proxecto Urbact
Urbact é un programa europeo de intercambio e aprendizaxe que promove o desenvolvemento urbano sustentable e integrado, englobando 550 cidades, 29 países e 7.000 axentes locais activos. Financiado conxuntamente pola Comisión Europea (Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional) e os Estados Membros, Urbact facilita que as cidades europeas traballen de forma conxunta no desenvolvemento de solucións efectivas e sustentables para os principais desafíos aos que se enfrontan, compartindo boas prácticas e a experiencia adquirida e integrando dimensións económicas, sociais e ambientais. No conxunto do Estado foron 17 as cidades recoñecidas por Urbact polas súas boas prácticas, pero só a Tropa Verde abordaba a temática do medio ambiente.

Compartir: