TURISMO

O lume sagrado do Pico Sacro regresa a Santiago polo San Xoán

13/06/2018 As rúas da zona histórica de Compostela iluminaranse o próximo 22 de xuño coa Ofrenda do Lume Sagrado do Pico Sacro, unha iniciativa na que colaboran os concellos de Santiago e Boqueixón, e a Asociación Fervenza do Castro de Callobre (A Estrada). Trátase dunha recreación da tradición pagá coa que se daba a benvida ao solsticio de verán, que se enmarca na celebración do San Xoán, e que seguirá á cerimonia para a obtención do lume, o domingo 17 de xuño no cumio do Pico Sacro.

A concelleira de Turismo, Marta Lois, e o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández, presentaron no Pazo de Raxoi a Ofrenda do Lume Sagrado do Pico Sacro que se fará no Festival de San Xoán compostelán. Foi nunha rolda de prensa na que estiveron acompañados por Gumersindo Pereiras e Montserrat Torres, da Asociación do Castro da Fervenza de Callobre, ataviados como o druída e a Raíña Alda, que encabezarán a comitiva do Lume Sagrado.

O domingo 17 de xuño terá lugar a Cerimonia do Lume Sagrado no cumio do Pico Sacro. Con esta representación realizarase unha viaxe no tempo ata a época celta na que se celebraba esta cerimonia para festexar o solsticio de verán. Neste rito, obtense o lume sagrado por medios naturais, directamente do sol, e nun lugar moi vinculado á cultura xacobea, por tratarse dun enclave fundamental na translación do corpo do Apóstolo Santiago a Compostela.

Precisamente por esta vinculación entre o Pico Sacro e Santiago, dende o ano pasado, o Lume Sagrado trasládase a Compostela dentro das actividades do Festival de San Xoán. Neste traslado, que terá lugar o día 22 ás dez da noite, participará unha comitiva composta por preto dun cento de participantes.

A comitiva partirá dende a Alameda, onde comezará un vistoso desfile polas rúas do Casco Histórico, que cobrarán luz cos fachos do lume sagrado levados polas tribos celtas de Boqueixón e Callobre. Todas as persoas participantes acudirán ataviadas coa vestimenta propia destes tempos ancestrais para recrear unha cerimonia que sorprende á veciñanza e visitantes.

O percorrido finalizará arredor das dez e media da noite na praza de Mazarelos, onde se celebra o Festival de San Xoán. Alí realizarase a Ofrenda do Lume Sagrado, que quedará custodiado neste lugar ata o día seguinte. Así, todas aquelas persoas que queiran poderán recoller cadanseu Lume Sagrado para acender as cacharelas de San Xoán e iluminar a noite compostelá.

Direccións relacionadas



Compartir: