IGUALDADE

Compostela celebra a diversidade con actividades festivas e reivindicativas polo Orgullo 2018

08/06/2018 A praza 8 de Marzo e o Matadoiro acollerán, os días 22 e 23 de xuño, unha chea de actividades de carácter festivo e reivindicativo para celebrar o Orgullo 2018 "e lembrar que somos unha cidade diversa", segundo destacou na rolda de prensa de presentación o evento a concelleira de Igualdade, Marta Lois. A edila estivo acompañada de Xabier Caruncho, de Arelas; Daniela Ferrández, de AmiZando, e Xandre Garrido, de Avante.

O propósito deste evento é combinar a reivindicación e sensibilización coa celebración e o festexo. Neste sentido, os actos darán comezo o venres 22 a partir das 16:30 horas, cunha serie de actuacións de sensibilización deseñadas conxuntamente cos colectivos LGTBI.

Así, comezarase cunha performance que virá seguida dunha mesa redonda onde se falará de igualdade legal e igualdade real, coa mira posta no futuro lexislativo das leis trans e da lei LGTBI. Nesta mesa participarán Olalla Rodil, deputada autonómica; o avogado Miguel Vieto; a senadora Vanesa Angustia e a activista Daniela Ferrández. A parte máis reivindicativa finalizará coa lectura do pregón a cargo dun representante dos colectivos.

Xa a partir das 21:00 horas chega o tempo da parte máis lúdica coas actuacións de De Vacas, La Prohibida e DJ Moreno Moreno. O domingo retómanse os festexos a partir das 11:00 h cun espectáculo teatral no Matadoiro e cun contacontos para os máis pequenos e pequenas. En sesión vermú, a partir das 13:00 horas, é a quenda do grupo musical Broken Peach, que versiona de maneira divertida os éxitos do momento. Continuarase cos DJ’s PutoChinoMaricón e con Lúa Gándara e Bribatta.

Postos informativos
Ambos os días haberá, na praza 8 de Marzo, unha serie de postos informativos nos cales estarán os colectivos LGTBI para dar a coñecer as súas asociacións e as actividades que levan a cabo durante todo o ano. Nesa liña se pronunciou Xandre Garrido, do colectivo Avante, quen sinalou que "estaremos repartindo información das actividades que organizaremos durante este mes, que comezarán este sábado cunha manifestación con saída na praza 8 de Marzo".

Daniela Ferrández, de AmiZando, participará na mesa redonda sobre a lexislación trans e LGTBI, "unha cuestión na que levamos traballando dende o ano pasado e sobre a cal hai diversas iniciativas nas Cortes".

A edila de Igualdade sinalou que estas actividades queren converter Compostela "en capital e referente da diversidade sexual e de xénero en Galicia e construír unha Compostela diversa e máis democrática que combata os estereotipos de xénero".

Implicación da hostalería e o comercio
Ademais das actividades previstas polo Concello e as asociacións LGTBI da cidade, os bares, pubs e restaurantes da zona están a participar no deseño deste evento e na súa difusión, levando a cabo actuacións específicas nos seus locais. Os que se suman son Curruncho, Medusa, Bicoca, Bloom, Forum, Matadero, TS- A Casa, Porrón. Miúdo e O Inferno. Tamén moitos comercios do barrio de San Pedro levarán a cabo actividades no marco da celebración do Orgullo

Documentos relacionados



Compartir: