LINGUA

O Concello crea a versión web do xogo de taboleiro "Atopando Compostela"

04/06/2018 O xogo de taboleiro Atopando Compostela ten dende hoxe nova versión web, que permitirá seguir fomentando o coñecemento do municipio, e máis en concreto da súa toponimia, dun xeito lúdico e educativo. Para xogar só é preciso acceder ao enderezo atopando.santiagodecompostela.gal e inscribirse a través do correo electrónico.

O concelleiro de Medio Rural, Obras e Mantemento para o Equilibrio Territorial, Rafael Peña, foi o encargado de presentar a actualización do xogo. Na rolda de prensa tamén participou Carmela Sánchez, representante da empresa que desenvolveu tanto a versión taboleiro como a nova web, Etnoga Patrimonio Cultural.

Rafael Peña lembrou que o xogo de taboleiro Atopando Compostela foi creado no ano 2011, "pensado fundamentalmente para o alumnado de secundaria, e co obxectivo de dar a coñecer a toponimia de Santiago". O concelleiro de Medio Rural incidiu en que "os nomes dos lugares son unha parte importante da nosa herdanza cultural, e por iso é unha obriga conservalos, divulgalos e mesmo investigalos", e mostrouse convencido de que "sete anos despois da creación do xogo, era fundamental poñer en marcha a versión web, para adaptarse aos novos tempos e abrirse a novos públicos máis alá dos e das estudantes".

Dinámica do xogo
Carmela Sánchez, de Etnoga, explicou que o xogo de taboleiro "segue sendo moi utilizado sete anos despois da súa creación, mesmo en centros de ensino que non están en Compostela". Agora, salientou, "a versión web permitirá que máis persoas accedan ao xogo, e polo tanto coñezan mellor Santiago e a súa toponimia".

Para xogar a través da web atopando.santiagodecompostela.gal só é preciso inscribirse facilitando un correo electrónico. Pódese xogar de maneira individual ou por equipos, e sen límite de tempo para responder ás preguntas, que se dividen en seis categorías: medio, animais, plantas, xentes, preguntas visuais, e temática variada. Por cada resposta correcta, o xogador ou xogadora recibe unha das 36 pezas do quebracabezas do municipio de Santiago.

Presentación na Casa das Asociacións
A nova web será presentada publicamente na Casa das Asociacións de Cornes, o 15 de xuño ás 19:00 horas. No acto desenvolverase unha partida por equipos, na que calquera persoa pode participar inscribíndose previamente a través do correo electrónico do Departamento Municipal de Lingua: dlg@santiagodecompostela.gal. Todas as persoas participantes recibirán un agasallo e o equipo gañador recibirá como premio unha visita guiada ao Pazo de Raxoi.

A partida estará precedida por unha charla do arqueólogo Xosé Lois Vilar, arqueólogo e membro da Sociedade Galega de Estudos Miñoranos.

Direccións relacionadas



Compartir: