TURISMO

Catro ilustradoras debuxarán os parques de Compostela no proxecto "O Camiño Urbano"

01/06/2018 A concelleira de Turismo, Marta Lois, e a comisaria do proxecto O Camiño Urbano, Gemma Sesar, presentaron este proxecto no que catro ilustradoras estarán do 30 de maio ao 3 de xuño debuxando os seus parques e xardíns e os entornos naturais das entradas do Camiño de Santiago na cidade. Coas ilustracións que fagan estes días editarase un libro que amosará o atractivo verde de Santiago.

O Camiño Urbano é a continuación do proxecto do Camiño Portugués pola Costa que se desenvolveu o ano pasado, no que catro ilustradoras debuxaron as diferentes etapas deste Camiño, dando lugar a un libro e a unha exposición que se fixo no mes de outubro. O proxecto do Camiño Urbano conta coa financiación da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia.

As catro ilustradoras que participan no proxecto son:

Celia Burgos, Cadiz. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Sevilla. Vive en Cádiz, onde imparte clases de arte e debuxo no ensino público, traballo que combina coa ilustración e o debuxo urbano. Nos últimos anos formou parte de encontros e festivais en España, Portugal e Francia; ten impartido talleres en Sevilla, Cádiz, Barcelona e Lisboa; participado en publicacións e mostras; e realizado reportaxes gráficas, sendo cronista de eventos en distintas cidades. É correspondente do blog Urban Sketchers Spain, cofundadora do grupo Sketchers Bahía de Cádiz, así como integrante de Garabattage Ilustra, en Sevilla.

Nanda Cabaleiro, Santiago de Compostela. Cadernista, integrante activa e cofundadora dos grupos galegos Boscquejeros (Santiago), SketchCrawlGalicia e USKoruña. Arquitecta pola ETSA A Coruña, é profesora de FP. Neste momento fai obradoiros de ioga e debuxo para os nenas e nenos nos que intenta transmitirlle á rapazada as súas dúas paixóns. Viaxa dende sempre acompañada por un caderno, pero é en 2012 cando entra en contacto coa comunidade de debuxantes urbanos, cando descobre o gozo de debuxar en grupo, e saber que, esteas onde esteas, sempre haberá alguén con quen compartir pinceis.

Ana Luisa Frazão, Lisboa. Licenciada en Deseño e Produción Visual pola IADE Creative University, e profesora de Artes Visuais dende 1981. Formouse como cadernista no curso De Vuelta con el Cuaderno, da Escola de Artes de Zaragoza. Na actualidade imparte workshops, cursos e conferencias sobre o caderno e participa en mostras en Portugal, España, Marrocos, Italia ou Brasil. Foi coordinadora do grupo Oeste Sketchers, pertencente ao Urban Sketchers Portugal; e é autora do libro Uma semana na cozinha.

Maru Godas, Barcelona. Ilustradora freelance e cadernista, leva anos traballando no mundo da animación, tipografía, deseño web e fotografía. É unha das debuxantes catalás máis recoñecidas no ambiente dos sketcher e os seus obradoiros son moi valorados. Ten colaborado con Planeta de Agostini, RBA, National Geographic ou La Caixa, e publicado libros ilustrados, como o máis recente sobre o Parque Güell de Barcelona. A posibilidade de saír do estudio e debuxar ao aire libre abriulle as portas a un estilo máis pictórico e a concibir o debuxo como unha experiencia narrativa. Adoita traballar mesturando medios secos e húmidos, aínda que os seus favoritos son o gouache e a tinta chinesa.

Compartir: