ACCIÓN CULTURAL

As actividades paralelas da SELIC comezan este xoves con paseos literarios por Compostela e proxeccións no Teatro Principal

30/05/2018 A segunda edición da Semana do Libro de Compostela (SELIC) bota a andar con propostas literarias que se adiantan á inauguración oficial da feira o vindeiro venres e que conforman a PRE-SELIC. Así, na tarde do xoves 31, o escritor e xornalista Diego Ameixeiras conducirá o itinerario Compostela Negra, un paseo polos misterios desta cidade que lle serviu de escenario en novelas como Asasinato no Consello Nacional (Xerais, 2010) ou Conduce rápido (Xerais, 2014).

O paseo partirá ás 18:00 horas da praza de Cervantes e a participación está limitada a 50 persoas maiores de 16 anos. A inscrición é de balde previa comunicación no correo electrónico teatroprincipal@santiagodecompostela.gal. É esta unha iniciativa na que colaboran o Concello de Santiago e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

Versogramas
A partir das 20.30 horas, o Teatro Principal acollerá unha dobre sesión de proxeccións centradas na poesía. En primeiro lugar, presentarase Versogramas, un proxecto transmedia de Belén Montero, Juan Lesta e Celia Parra que naceu co obxectivo de promover a lectura e visionado de poesía en sociedade, amais de situar a videopoesía como xénero de seu e con entidade artística propia. A peza documental que inclúe o proxecto, e que se completa con libro-dv, contidos web e exposición, pasa por ser a primeira longametraxe galega en se aproximar á escena internacional da videopoesía, nunha metraxe que mestura entrevistas a un amplo grupo de poetas de distintas procedencias, con mostras dos seus videopoemas e achegamentos cara unha definición do xénero. Dirixida por Montero e Lesta, Versogramas parte dunha idea orixinal da poeta Celia Parra, que tamén asume a produción executiva, e conta coa música de Isaac Garabatos e a produción de Esferobite.

Coa axuda da Agadic, o documental é participado por Televisión de Galicia, coa produción asociada de Amanita Films, Pixel Films e Celia Parra e a colaboración da Fundación Luís Seoane, a Fundación Cidade da Cultura, a Fundación Paideia, o Concello da Coruña, a Fundación Uxío Novoneyra, o Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa e Editorial Galaxia. Trala súa estrea no NUDO Festival de Poesía Visual (Barcelona) no mes de abril, a longametraxe vén de ser exhibida no Festival de Cans do Porriño e continúa a súa andaina por diversos certames. A presentación no Teatro Principal contará coa presenza de Belén Montero (directora e membro de Esferobite), Celia Parra (produtora executiva), Isaac Garabatos (compositor da banda sonora orixinal) e Ismael Ramos (responsable de Novos Proxectos da Editorial Galaxia).

Vértice de Versos
A seguir, terá lugar a proxección do documental Vértice de Versos, unha longametraxe producida, guionizada e dirixida por Carlos Lorenzo que revisa a historia da poesía galega dende a revolución dos anos noventa e afonda no xurdimento de novas formas de expresións poética. Numerosas voces da contorna editorial, a escrita e a crítica galega participan nesta análise a fondo do acontecido nos últimos 25 anos da escena poética do país, con aproximacións a autoras e autoras esenciais da poesía actual como Yolanda Castaño, Baldo Ramos, Emma Pedreira ou Gonzalo Hermo. Canda elas e eles, Vértice de Versos conta coas voces de Teresa Seara, Armando Requeixo, Alicia Fernández, Antía Otero, Dores Tembrás, Cesáreo Sánchez, Eduardo Estévez, Celia Parra, Luís G. Tosar, Rosalía Fernández Rial, Oriana Méndez, Modesto Fraga, Miguel Anxo Ferán Vello, María Lado e Ismael Ramos. Será o propio Carlos Lorenzo o encargado de presentar a peza ao público.

O acceso a ambas proxeccións é de balde até completar a capacidade do Teatro.

Direccións relacionadas



Compartir: