CENTROS CÍVICOS E MOCIDADE

O programa Vive o Verán e o Campamento de Vela, propostas do Concello para favorecer a conciliación no mes de xullo

30/05/2018 O Concello de Santiago volve facer un gran esforzo para facilitar a conciliación familiar e laboral durante o verán, con iniciativas impulsadas dende diferentes concellarías. As responsables de Centros Cívicos e Mocidade, Concha Fernández e Noa Morales, presentaron hoxe algunhas das propostas organizadas polos seus departamentos e dirixidas a usuarios e usuarias de diferentes idades, entre as que destaca o programa Vive o Verán e o Campamento de Verán de Vela e Actividades Náuticas.

A concelleira de Centros Cívicos presentou unha nova edición do programa Vive o Verán, que se desenvolverá ao longo do mes de xullo e que está dirixido a nenos e nenas empadroados no concello de Santiago e nados entre 2006 e 2014. Concha Fernández explicou que o obxectivo do programa "é que os centros cívicos se convertan en aulas de xogo, e que os espazos naturais da súa contorna sexan lugares para a socialización e o desfrute dos rapaces e rapazas".

O programa desenvolverase nas mañás do mes de xullo, de luns a venres. Haberá actividades nos centros cívicos urbanos de Santa Marta, Ensanche, Fontiñas, Vite e Conxo, cun total de 140 prazas. No rural, o Vive o Verán ofertará un total de 120 prazas en catro centros: Nemenzo, A Gracia, Figueiras e Marrozos. En todos os casos, o prazo de inscrición vai do 4 ao 9 de xuño, e a formalización da matrícula será do 20 ao 26 de xuño. No caso de haber máis solicitudes que prazas dispoñibles, realizarase un sorteo público o día 14 de xuño.

Concha Fernández explicou que, como vén sendo habitual, "os nenos e nenas participarán en actividades plásticas, de expresión artística ou teatro, gozarán de xogos populares e actividades deportivas, e poderán realizar saídas ao aire libre, sobre todo no caso dos centros do rural". Nos centros urbanos, as actividades serán de 10:00 a 14:00 horas, pero haberá servizo de conciliación dende as 8:00 ata as 15:00 horas. No caso dos centros cívicos do rural, o horario do Vive o Verán será de 9:30 a 14:30 horas.

Imos de excursión
A concelleira de Centros Cívicos tamén deu conta do comezo, o próximo domingo, dunha nova edición do programa Imos de excursión, organizado pola rede de Centros Cívicos co obxectivo de que a cidadanía de Compostela coñeza mellor o patrimonio natural e artístico de Galicia e tamén de Portugal. Desta vez, están programadas seis saídas, a primeira delas a Baiona, Santa Tegra e Valença do Minho. Concha Fernández explicou que esta actividade "sempre suscita un grande interese entre os usuarios e usuarias da rede, e de feito para a primeira das saídas xa están inscritas máis de 80 persoas". As solicitudes poden realizarse nos centros cívicos de Vite, Conxo, Ensanche, Fontiñas, Castiñeiriño e Santa Marta.

A primeira das excursións, o domingo 3, levará as e aos participantes a Baiona, Santa Tegra e Valença do Minho. Como é habitual no programa, a viaxe inclúe o autocar, o xantar, e un guía acompañante durante todo o itinerario.

Para o mes de xullo están previstas dúas excursións. A primeira será o domingo 1, e o itinerario inclúe paradas en Carril, Cambados, a Illa da Toxa e O Grove, con barco e visita guiada á Illa de Cortegada. Para o domingo 15 está prevista unha excursión á praia das Catedrais, cun percorrido que inclúe visitas á torre dos Moreno, o convento de Santa Clara ou a igrexa de Santa María do Campo, en Ribadeo.

Xa en setembro, Imos de excursión inclúe unha visita ás Illas Cíes, e para o mes de outubro está prevista unha viaxe a Porto, nos días 20 e 21. O programa péchase en novembro, cunha excursión ao Courel o domingo 11, con paradas en Monforte, Pedrafita do Cebreiro, Portomarín, Melide e Arzúa.

Campamento de Vela de Mocidade
Pola súa banda, a concelleira de Mocidade presentou hoxe o Campamento de Verán de Vela e Actividades Náuticas, que organiza o Departamento para o mes de xullo. Noa Morales sinalou que o obxectivo da iniciativa é "ofrecerlles aos mozos e mozas composteláns unha alternativa de lecer e tempo libre vinculada á práctica deportiva e ao contacto coa natureza". Segundo dixo, "este campamento require un esforzo físico constante, porque mestura práctica dos deportes náuticos con actividades de coñecemento de flora e fauna mariñas". A edil tamén puxo en valor "a grande experiencia que supón a convivencia con rapaces e rapazas de idades semellantes".

O Campamento de Verán de Vela e Actividades Náuticas está dirixido a mozos e mozas de entre 14 e 17 anos, que estean empadroados/as no concello de Santiago. A actividade desenvolverase nun albergue xuvenil situado en Cangas do Morrazo, en concreto no Colexio Eduardo Pondal, "a tan só 500 metros da praia de Liméns". A Concellaría de Mocidade oferta dúas quendas para participar no Campamento: do 2 ao 9 de xullo ou do 12 ao 19 de xullo.

A preinscrición no programa deberá realizarse do 1 ao 15 de xuño no Rexistro Xeral do Concello (Galeras), e as prazas serán cubertas por rigorosa orde de chegada. O custo do campamento será de 120 euros. Os/as participantes que acrediten ser familia numerosa ou sexan o segundo irmán/irmá inscrito/a deberán pagar 100 euros.

Compartir: