EDUCACIÓN E CIDADANÍA

En marcha a licitación do Programa de Conciliación de Verán, que ten aberta a inscrición ata o 31 de maio

25/05/2018 Na Xunta de Goberno deste venres aprobáronse varias propostas relevantes da Concellería de Educación e Cidadanía. Unha delas é a apertura do procedemento de adxudicación do Programa de Conciliación de Verán, ao que se destinarán 73.340 euros, IVE incluído.

O Programa Municipal de Conciliación de Verán desenvolverase no período das vacacións escolares no CEIP Raíña Fabiola e no CEIP As Fontiñas, e está dirixido aos nenos e nenas que cursen estudos entre o 2º Ciclo de Educación Infantil e 3º de Primaria en centros de Santiago. O prazo de inscrición está aberto ata o próximo xoves, 31 de maio.

Comedor e madrugadores
O Executivo local tamén aprobou os prazos de solicitude de reserva de praza nos servizos de comedor e madrugadores na rede de centros públicos de Educación Infantil e Primaria para o próximo curso. A inscrición deberá facerse entre os días 1 e 20 de xuño.

Listaxes definitivas nas escolas infantís
Finalmente, a Xunta de Goberno deulle luz verde ás listaxes definitivas de admitidos, excluídos e agarda nas escolas infantís municipais de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños para o próximo curso.

Compartir: