RENOVACIÓN

As Marías locen xa novas cores tras o traballo do escultor César Lombera

24/05/2018 Maruxa e Coralia contan dende onte con novas vestimentas, nas que predomina a cor amarela, o rosa e o vermello. O novo aspecto da estatua das "Marías" está baseado en fotografías e documentación histórica que usou o escultor César Lombera para pintalas.

As "dúas en punto" levaban xa máis de tres anos sen mudar de aspecto e, nesta ocasión, fano por unha roupa da que existe constancia histórica pero que nunca formara parte da estatua dende que se instalou na Alameda no ano 1994, obra do propio César Lombera. Maruxa (á dereita) leva un vestido verde con topos, un abrigo rosa e un mantón vermello. Pola súa banda, Coralia leva un vestido granate, un abrigo amarelo e un paraugas violeta.

Ata o de agora viñan predominando cores máis escuras, como o vermello e negro, no caso do primeiro traxe; o vermello e o azul escuro, no segundo ou o vermello e unha gama de azuis no último dos cambios realizados. Pola contra, desta vez decidiuse optar por cores máis vivas para rememorar que as Marías adoitaban vestir de maneira chamativa e alegre.

Maruxa e Coralia
Arturo Fandiño e Consuelo Ricart, parella de artesáns, tiveron trece fillos e fillas na Compostela de principios de século XX. El, zapateiro, con obradoiro na Algalia de Arriba, n.º 32. Ela, costureira e bordadora, con obradoiro na súa propia casa, na rúa do Espírito Santo, profesión que van aprender e compartir, tamén, as súas fillas.

Os seus irmáns Manuel, Antonio e Alfonso foron destacados dirixentes e líderes da CNT, organización que no ano 1925 trasladara a Santiago a súa sede rexional e da que Manuel Fandiño, de oficio pintor, era o secretario xeral. A súa mocidade alimentouse do clima de animación e esperanza que se vivía en Santiago: cando as irmás Fandiño saían á rúa a pasear vestidas coa roupa feita na casa, con teas de cores, alegres e vivas coma elas, os estudantes galeguistas e republicanos chamábanlles "liberdade, igualdade e fraternidade" e os estudantes de dereitas, da CEDA, "fe, esperanza e caridade". Pero este soño revolucionario afogouse en sangue o 18 de xullo do ano 1936. A sublevación militar franquista e a represión feroz chegou á familia Fandiño Ricart.

Continuaron vivindo na rúa do Medio, naquela Compostela dos anos 40, 50, 60 e 70. O triángulo que formaron Falanxe, a Igrexa da época e o Exército no Franquismo triunfante tras a guerra esnaquizou a súa fraxilidade e a súa cabeza escachou coma o cristal.

Historia da estatua da Alameda
En 1994, o Concello de Santiago quixo rememorar a figura de Maruxa e Coralia e encargoulle a César Lombera o deseño e a instalación da famosa estatua que hoxe en día é un símbolo máis de Compostela.

Consistiu nunha reprodución realista e policromada das dúas mulleres durante os seus famosos paseos baseada na foto máis coñecida de ámbalas dúas irmás, con Maruxa á dereita, co brazo estendido, e Coralia sostendo un paraugas.

Desde entón, a escultura é unha das máis coñecidas da cidade, tanto pola curiosidade que esperta entre os e as turistas coma por servir de punto de encontro para os e as compostelás.

Compartir: