TURISMO

A praza de Mazarelos acollerá a terceira edición do festival de San Xoán

21/05/2018 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, presentaron as liñas mestras da terceira edición do programa festivo de Turismo de Santiago para potenciar o atractivo turístico da noite de San Xoán na cidade, que se celebrará a fin de semana do 22 ao 24 de xuño na praza de Mazarelos.

O obxectivo deste festival é aproveitar a gran tradición que teñen as festas de San Xoán na cidade, con multitude de cacharelas por todo o termo municipal e unha implicación veciñal moi importante, e así potenciar o seu atractivo turístico, tanto para o mercado doméstico coma internacional.

O evento arrincará a tarde do venres 22, completando a programación que artellarán para o día de San Xoán os distintos colectivos, barrios e asociacións da cidade, enriquecéndoa con accións que se prolongarán ata o domingo 24 para festexar a chegada dos días máis longos do ano.

A praza de Mazarelos, como nas dúas edicións anteriores, será o punto central do evento. Na praza instalarase un mercado tradicional, unha área gastronómica para desfrutar dos produtos típicos desta arraigada festa, concertos e clases de baile tradicional e un espazo para os máis cativos. Ademais, celebraranse actividades e obradoiros interxeracionais para a posta en valor das tradicións de San Xoán.

Na tarde e na noite do 23, o tren turístico circulará de novo de balde para fomentar a mobilidade entre as cacharelas da cidade, tanto da veciñanza de Santiago como de turistas e visitantes. O tren turístico sairá ás horas en punto dende o CGAC con paradas na avenida de Castelao, Burgo das Nacións, carballeira de San Lourenzo e avenida de Xoán Carlos I.

O evento rematará na noite do domingo 24 cun obradoiro de elaboración de queimada, un concerto de música tradicional e, finalmente un, conxuro con degustación de queimada.

Compartir: