MOCIDADE

O programa "Hortalíza-Te" formará a quince mozos e mozas no coidado de hortas urbanas e o autoconsumo de produtos de tempada

21/05/2018 O Centro Xove da Almáciga acolle, a partir de hoxe, un programa de atención e coidado de hortas urbanas dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 35 anos. Trátase dunha acción xurdida ao abeiro dos Orzamentos Participativos de Mocidade do 2018 e que acadou preto de 175 puntos.

A actividade desenvolverase todos os luns de 18:00 a 20:00 horas, horario no que se impartirán os contidos teóricos básicos para que se poida traballar con posterioridade na horta. A acción estenderase ata o vindeiro mes de novembro. Ademais, as sesións gravaranse en vídeo e difundiranse a través das redes sociais co nome "Brico-hortaconsello".

Os obxectivos da actividade pasan por dar a coñecer as técnicas de manexo ecolóxico dunha horta urbana mediante contidos teóricos e prácticos, e tamén concienciar sobre os aspectos positivos que ten o autoconsumo dos produtos hortícolas.

Noa Morales sinalou que esta proposta "combina diversión e medio ambiente xa que ofrecerá unha valiosa formación sobre como xestionar unha horta propia. En Compostela contamos ademais con numerosas hortas espalladas por todo o termo municipal que están a ser moi demandadas pola veciñanza".

Tres fases
A actividade comezará coa adecuación da horta durante os meses de maio e xuño e a adquisición do material necesario para o cultivo. Durante os meses de verán (xuño, xullo e agosto) procederase a sementar, coidar e recoller o cultivo, que será sempre produto de tempada. Na última fase, que se estenderá de setembro a novembro, levaranse a cabo diversas masterclass.

Compartir: