POLÍTICAS SOCIAIS E SAÚDE

O Plan de Prevención en Drogodependencias incorpora máis dunha ducia de programas para reducir o consumo de drogas

16/05/2018 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, deu a coñecer esta mañá o novo Plan Municipal de Prevención en Drogodependencias (2018-2021), aprobado onte polo Consello Municipal de Saúde. Na rolda estivo acompañado por María José Blanco e Jorge Carballido, da Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD).

Este documento vén a cubrir un baleiro relacionado co consumo e prevención de drogas, xa que o Plan municipal anterior databa de 1999. Tal e como indicou a concelleira, "as circunstancias e os tempos mudaron, o que facía imprescindible a súa actualización".

O Plan Municipal de Prevención en Drogodependencias baséase nun estudo elaborado o ano pasado pola UMAD en colaboración coa USC e no que se recollían os hábitos de consumo de alcohol, drogas ou uso de internet entre a mocidade compostelá. Ademais, trátase dun texto participado polo Consello Municipal de Saúde, as ANPAS, as coordinadoras de barrio e distintos profesionais relacionados coa sanidade. "Ten en conta tamén –resaltou Fernández– a perspectiva de xénero, xa que os consumos varían en función do sexo, e iso permítenos ter unha diagnose concreta e completa para logo impulsar programas e accións específicos".

O Plan supón un compromiso do concello para liderar todas as iniciativas que poidan xurdir no eido da prevención comunitaria. Esa é a premisa que debe guiar as accións recollidas no Plan, asumindo a influencia que os contextos microsociais teñen na orixe e na evolución do fenómeno da drogadicción.

Catro eidos
O documento presentado hoxe incorpora máis dunha ducia de programas específicos de prevención englobados en catro campos, como son a prevención universal, selectiva, indicada e determinada. Así, entre as accións recollidas e que se desenvolverán nos catro anos de vixencia do Plan inclúense programas coas familias, coas persoas usuarias, cos colexios ou coa poboación en xeral.

O alumnado de primeiro ciclo da ESO participará no programa Cine e saúde, co que visualizarán tres películas ao longo do curso coas que analizarán, a través de unidades didácticas, os comportamentos que observan na trama.

Unha das novidades incorporadas radica na forma de achegamento á mocidade. Co programa Formación en mediadores e mediadoras deportivos, búscase dotar a estes profesionais dunha serie de coñecementos e habilidades específicas que lles permita potenciar o papel preventivo que realizan.

Tamén se quere continuar na liña adoptada pola UMAD e polo Departamento de Mocidade de usar o teatro para fomentar hábitos de vida saudables entre a xente máis nova. Coa acción Actiíva-t co teatro búscase reducir a intención de consumir drogas e incrementar a percepción de risco, en particular de substancias como o tabaco, o alcohol e o cannabis.

Compartir: