FESTAS

Preto de 50.000 persoas gozaron das festas da Ascensión 2018

15/05/2018 Malia as adversas condicións meteorolóxicas da pasada semana, as veciñas e veciños de Compostela non deixaron pasar a ocasión de desfrutar das súas festas. Case 50.000 persoas asistiron ás diferentes actividades programadas do mércores 9 ao domingo 13 de maio e espalladas por toda a cidade.

No balance da Ascensión 2018, a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, salientou a boa acollida da programación especial para público infantil e familiar desenvolvida no Teatro Principal durante a fin de semana, unha das novidades introducidas este ano co obxectivo de facer que a rapazada fose máis partícipe destas festas. As doce sesións de microteatro e os tres concertos que acolleu o Principal entre o sábado 12 e o domingo 13 de maio reuniron 1.500 persoas entre pequenos e adultos.

Outra das citas máis esperadas deste ano foi, sen dúbida, o concerto conxunto que a Banda Municipal de Música de Santiago e a Real Filharmonía de Galicia ofreceron o venres 11 para celebrar o 170 Aniversario da formación que dirixe na actualidade Casiano Mouriño. Previsto inicialmente para ser realizado na praza da Quintana, o recital tivo que ser trasladado por mor da choiva ao Auditorio de Galicia, onde os asistentes esgotaron o milleiro de localidades das que dispón a Sala Ángel Brage.

Pero, unha vez máis, foi a Feira Cabalar do día grande da Ascensión o evento que máis participantes congregou. Até o recinto feiral de Amio achegáronse o xoves 10 de maio arredor de 22.000 persoas, que superaron así as cifras de asistencia acadadas nas convocatorias anteriores.

Música na praza da Quintana
Os distintos concertos desenvolvidos neste escenario central das festas da Ascensión 2018 congregaron unhas 8500 persoas. O máis concorrid foi o concerto de apertura da noite do mércores 9, no que a música de Iván Ferreiro, Delaporte e o Dj e locutor de LOS40, Óscar Martínez, reuniu unhas 4.500 persoas. Á súa vez, o concerto de Caxade e a banda lusa OqueStrada, celebrado o xoves 9, convocou a 2.500 asistentes e as actuacións de Los Pekenikes e Santos Morcegos do sábado 12, xuntaron uns 1.500 participantes.

Actuacións Compostela é! Música
Outro dos espazos protagonistas da axenda musical foi o escenario Compostela é!Música que, previsto inicialmente na praza do Toural, tivo que levar parte das súas propostas ao Teatro Principal por mor das condicións meteorolóxicas. O pop dos Chupadeskay (mércores 9), o blues de Susana Martínez (xoves 10 ), os sons de Novo Flamenco (venres 11), a música dos Nèboa (sábado 12) e as cancións de autora de A Banda da Loba (domingo 13), congregaron en total máis dun milleiro de persoas no desfrute das novas propostas da contorna musical compostelá.

Outras actividades
Especialmente concorridas foron tamén as actuacións das orquestras América, Passarela, Charleston Big Band e Los Alkar, no parque da Alameda, cunha participación total de máis de 5.000 persoas. Cómpre destacar tamén os pasarrúas dos cabezudos, con máis de 2.000 asistentes; a Festa dos Maiores de Amio do sábado, que se achegou aos 1.500; e a aposta pola música tradicional de Folk na Rúa e Corais na Rúa, con 1.500 e 900 participantes, respectivamente.

Compartir: