PLENO

A Corporación compostelá aproba o convenio coa Xunta e ADIF para construír a plataforma peonil vinculada á intermodal

15/05/2018 O Pleno da Corporación aprobou hoxe o convenio para a construción da plataforma peonil vinculada á estación intermodal, que asinarán o Concello, a Xunta e ADIF. O acordo contou cos votos a favor de Compostela Aberta e PP, e a oposición de PSOE e BNG. A pasarela peonil cuberta permitirá conectar as estacións de ferrocarril e autobuses, e mellorará a permeabilidade entre os barrios do Ensanche e Pontepedriña.

O concelleiro de Espazos Cidadáns mostrou a súa satisfacción pola aprobación deste convenio, que "nos permite continuar avanzando para ter a intermodal que Santiago precisa, máis de vinte anos despois de que se asinara un primeiro convenio que foi anulado, e case dez anos despois dun segundo convenio que prevía un aproveitamento urbanístico de 53.000 metros cadrados co que ADIF financiaría a nova estación intermodal". Jorge Duarte salientou a importancia da construción da plataforma peonil, que "permitirá recuperar a permeabilidade entre a rúa do Hórreo e o viario Clara Campoamor". Tamén lembrou que "o convenio marco asinado en 2016 recoñecía que o Concello tiña que ter participación no financiamento desta actuación, porque esiximos melloras substanciais na obra que redundaron na mellora da accesibilidade e que converterán esta pasarela nun viario público".

O edil lembrou que o ADIF ten iniciada a licitación da plataforma peonil de maneira conxunta co resto do proxecto da intermodal, en dúas fases. Tamén mostrou a súa satisfacción porque o estudo arquitectónico elixido para desenvolver o proxecto "sexa o de Herreros, que gañara o concurso de ideas de 2010 e que polo tanto xa era coñecedor de Santiago e das súas necesidades". Jorge Duarte explicou que "aínda que o proxecto non está pechado definitivamente, polo que se nos vén presentando en reunións previas entendemos que resolve as cuestións que o Goberno local vén formulando".

Antes da aprobación do convenio, que terá que ser ratificado agora pola Xunta, o Pleno da Corporación deulle luz verde a unha rectificación do anexo de investimentos plurianuais dos orzamentos de 2018, que incluía un erro na partida prevista para a pasarela da intermodal no ano 2019. O proxecto ten un custo estimado de 5,9 millóns de euros, dos que o Concello achegará 1,7 millóns de euros. A achega da Xunta será idéntica á municipal, e ADIF financiará, con fondos europeos FEDER, 2,3 millóns de euros.

Direcciones relacionadas



Compartir: