ALCALDÍA

O parque de Fonseca converterase no "Xardín das pedras que falan" grazas á colaboración entre o Concello e a USC

11/05/2018 O xardín de Fonseca converterase no "Xardín das pedras que falan" grazas á colaboración entre o Concello e a USC, que fará realidade un proxecto concibido polo escritor Suso de Toro. Trátase de crear unha espiral con diferentes pedras, nas que irán gravadas liñas ou versos inéditos asinados por escritores e escritoras de diferentes países e diferentes linguas. O proxecto botará a andar o próximo luns, coa instalación das tres primeiras pedras. Nelas leranse palabras de Rosalía de Castro, Seamus Heaney e Luz Pozo Garza.

O alcalde, Martiño Noriega, a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, a vicerreitora de Comunicación e Coordinación da USC, Rosa Crujeiras, e o escritor Suso de Toro, presentaron hoxe o proxecto, que "volve reivindicar a identidade literaria de Compostela". O alcalde mostrouse convencido de que "este xardín será case como un novo destino de peregrinación no que tamén xuntaremos diferentes linguas e diferentes culturas". Ao tempo, Martiño Noriega agradeceu a vontade de colaboración da USC, "coa que o Concello xa colaborou para abrir o xardín de Fonseca ao público e poñelo en valor para a cidadanía".

Nesa liña, a vicerreitora de Comunicación e Coordinación da USC expresou tamén o seu agradecemento ao Concello e a Suso de Toro por pensar no xardín de Fonseca para este proxecto "que permite poñer en valor este espazo e conectar mellor a institución coa cidadanía". Tamén lembrou que "hai anos este espazo foi un xardín botánico no que se cultivaban plantas municipais, e agora pasa a converterse tamén nun elemento curador, neste caso do espírito".

Reflexión sobre o poder da palabra literaria
A concelleira de Acción Cultural incidiu tamén na reivindicación da Compostela Literaria "non como unha marca baleira de contido, senón como parte da nosa historia e da nosa identidade". Branca Novoneyra explicou que "este proxecto vai un paso máis alá, porque é homenaxe ao feito literario que complementa os recoñecementos individuais a escritoras e escritores que se poden ver en nomes de rúas, parques ou placas conmemorativas".

Suso de Toro indicou que este proxecto xurdiu dunha dobre reflexión "sobre o poder da palabra literaria, e sobre a identidade de Santiago como cidade que crea memoria e crea mito". O escritor sinalou que o seu obxectivo é "encher Compostela aínda máis de capital simbólico, creando un novo foco de peregrinación á cidade". Tamén puxo en relación o "Xardín das pedras que falan" coa "relación mítica coa pedra que mantén Galicia, e mesmo cos cemiterios". Suso de Toro recoñeceu que este proxecto "ten algo de cemiterio de palabras, e de feito os versos cos que comezaremos a espiral están relacionados en todos os casos co concepto da posteridade"

Suso de Toro empezou a pensar neste proxecto hai máis dunha década, e del tíñalle falado ao poeta irlandés Seamus Heaney. De aí que a pedra cos seus versos sexa unha das tres que inauguren o xardín.

Inauguración, o próximo luns
O "Xardín das pedras que falan" estará formado por versos ou liñas inéditas de autores e autoras, aos que se lles pedirá que se comprometan a non publicar esas palabras, cando menos en vida. Os textos irán gravados en pedras de granito que formarán unha gran espiral no xardín, partindo dunha peza inicial con versos de Rosalía. Está prevista a instalación dunhas 40 rochas en total, de xeito progresivo. Aínda así, dende o principio verase a dimensión da obra porque os lugares que ocuparán as pedras estarán xa sinalizados cuns discos de granito.

O "Xardín das pedras que falan" inaugurarase o próximo luns, nun acto que estará presidido polo alcalde, Martiño Noriega, e o reitor da USC, Juan Viaño. As primeiras pedras que se van colocar levarán versos de Rosalía de Castro, de Seamus Heaney e de Luz Pozo Garza. A poeta coruñesa participará no acto, ao igual que a viúva do autor irlandés, Premio Nobel de Literatura. Está previsto que a cuarta pedra sexa colocada o 4 de xuño por Antonio Gamoneda, que estará en Santiago para participar na SELIC.

Compartir: