ALCALDÍA

Conclúe a fase de redacción do Plan Estratéxico

05/01/2007 O luns 8 reunirase a Comisión de Dirección do Plan Estratéxico, o que supón un impulso definitivo para o remate da fase de redacción do mesmo. Tamén ese mesmo día será revisado polo Consello Económico e Social.

Unha vez reunidos os dous órganos, iniciarase unha rolda de consulta cos axentes sociais da cidade. Deste xeito, o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, estimou que en febreiro poida concluírse a fase de redacción. A partir de aí comezaría unha nova etapa, destinada a seguir e avaliar o seu cumprimento.

O Plan Estratéxico da Cidade naceu co fin de acadar o desenvolvemento económico e social de Santiago, sobre as bases do compromiso dos principais axentes económicos e sociais, públicos e privados, e a participación e colaboración cidadá. O seu obxectivo é despregar o potencial de desenvolvemento que ofrece a nova estrutura urbana; intensificar o proceso de diversificación da base económica local; afianzar o papel de capital de Galicia e as funcións de Compostela no seu "hínterland" rexional, no sistema urbano galego e no Eixo Atlántico; e afondar no proceso de internacionalización da cidade no ámbito da súa actividade cultural, científica, social e económica.

Compartir: